Institucións, centros culturais e asociación celebran a gran festa da literatura de Galicia con multitude de actividades
16 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.As letras galegas terán o seu día grande mañá, aínda que a cidade xa leva toda a semana celebrando distintas actividades para conmemorar esta gran festa da literatura. Así, o Paraninfo da Universidade da Coruña foi onte escenario dun acto moi emotivo no que se recordou a vida e obra do artista Andrés Dobarro, coñecido por ser un dos maiores impulsores do idioma galego no eido musical.
Ademais, a entidade académica coruñesa tamén inclúe no seu programa de festexos do Día das Letras Galegas a entrega do premio Luísa Villalta, que terá lugar hoxe, ás 12.00 horas, na Facultade de Economía e Empresa. Unha hora despois, o Hospital da Coruña tamén celebrará esta festividade no seus salón de actos cunha conferencia de Alfonso Blanco Torrado, escritor e membro da asociación Xérmolos de Guitiriz.
A festa literaria tamén terá a súa homenaxe audiovisual no CGAI, onde esta tarde -ás 20.30 horas- se proxectará o filme Proxecto Nimbos, que xira arredor da figura do poeta Xosé María Díaz Castro, a quen se lle dedica este ano Día das Letras Galegas. Tamén sobre el xira a exposición e a charla que esta tarde impartirá o experto Xesús Manuel Valcárcel na Biblioteca Pública Miguel González Garcés.
Defensa da lingua
O día grande chegará cunha concentración da plataforma Queremos Galego!, que convida a todos a unirse á mobilización que terá lugar, a las 12.00, horas, diante do Teatro Rosalía, «para defender esa ferramenta marabillosa que nos regalaron os avós e avoas para cambiar o mundo».
Preto de alí, nos xardíns de Méndez Núñez, terán lugar os actos programados pola Deputación coruñesa, que festexará esta efeméride coa celebración de xogos tradicionais infantís, a partir das 17.30 horas. Á mesma hora, pero no centro cultural Ágora, terá lugar o festival infantil de baile e música tradicional, no que participarán as agrupacións Donaire, Faragulla e Vai de Roda.
Ademais, desde o Concello coruñés tamén programaron para a tarde-noite do sábado unha visita guiada ás tumbas dos grandes escritores galegos que están enterrados no cemiterio de San Amaro. A actividade terá media hora de duración e haberá 30 prazas dispoñibles para coñecer o lugar onde repousan os restos de Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Manuel Murguía, Manuel Lugrís, Wenceslao Fernández Flórez, ou Clara Corral, entre outros.
Os actos do Día das Letras Galegas rematarán o domingo, no Teatro Rosalía (20.00 horas), onde a Banda Municipal de Música ofrecerá un concerto especial con cancións galegas clásicas.