Xornada das Letras Galegas ateigada de actos, aínda que onte adiantáronse moitos

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Blanco Torrado, de Guitiriz, falou no Chuac de Díaz Castro.
Blanco Torrado, de Guitiriz, falou no Chuac de Díaz Castro. E. Pérez< / span>

Entregouse o premio Luisa Villalta e hoxe haberá visita nocturna en San Amaro

17 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

«O meu nome é o da Cidade Alta / nacido onde a luz e o mar se están orixinando / mutuamente / nacín enfrente de min mesma / cando a Pescadería era un leito de sereas / e a serpe demorada na voz dos meus avós / vento dos ventos». Con estas palabras debuxaba Luisa Villalta a cidade que hoxe acolle un feixe de actos para celebrar o Día das Letras Galegas. Onte, na universidade, entregábase o premio Luisa Villalta á promoción do galego ao proxecto funil.gal, presentado por Esther Gómez, Ana María González, Marcelino Maneiro e Rosa Pedrido. O secretario xeral, Carlos Amoedo, defendeu «a necesidade de normalizar a nosa lingua como obriga de país».

Do protagonista deste ano, Xosé María Díaz Castro, falaba na noitiña de onte na biblioteca González Garcés de Elviña Xesús Manuel Valcárcel, centrándose na poesía galega da paisaxe.

Tamén nas instalacións do Chuac foi lembrado Díaz Castro por un paisano seu, Alfonso Blanco Torrado, escritor e membro da asociación Xermolos, de Guitiriz, nun acto que foi presentado por Luz Campello, xefa so servizo de traballo social da xerencia da Coruña.

Hoxe no teatro Colón, ás 20.30 horas, terá lugar a representación da obra Feirantes, cun texto baseado na obra de Cunqueiro Os outros feirantes. Para a mesma hora está prevista unha visita nocturna ás tumbas de destacados autores das letras galegas como Murguía, Curros, Pondal, Manuel Lugrís, Wenceslao Fernández Flórez ou Clara Corral.

Espectáculo nos xardíns

Os xardíns de Méndez Núñez acollerán entre as 17.30 e as 20.00 horas a Festa das Letras Galegas organizada pola Deputación coruñesa en colaboración co Concello da Coruña. O espectáculo A nena e o grilo nun barquiño, unha montaxe músico-teatral partindo das composicións de Magín Blanco, ou a casa dos xogos son algunhas das actividades que están programadas.

Desde as 17.30 horas a asociación cultural Donaire organiza no Ágora a quinta edición do Festival Infantil de Baile e Música Tradicional. Actuarán Faragulla de Teixeiro e Vai de Roda de Rianxo. E no Barrio das Flores a plataforma veciñal organiza durante todo o día un mercado solidario con artesanía e actuacións para contar cunha nova oferta cultural no Día das Letras Galegas.