«Víñanche as tardes de verán e ao ir a casa aínda tiñas outro día de traballo»

montse carneiro A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

EDUARDO PEREZ

A traballadora de Arteixo Telecom recibiu a homenaxe dos compañeiros da UGT tras corenta anos de activismo

08 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Na véspera do Día Internacional da Muller, a sindicalista e traballadora de Arteixo Telecom Mari Carmen Mañana Illobre recibiu onte o recoñecemento dos seus compañeiros da UGT a 42 anos de lealdade e loita polos dereitos laborais e a igualdade. «Eu non contaba con isto, pero ao comentar que me ían facer a homenaxe moitos dixéronme: ‘Tíñalo ben merecido”. Tocounos vivir moitas cousas e aquí hai persoas que aprecio moito e ás que lles teño moito que agradecer. Por iso estou vivindo isto como... ¿Sabes cando lle fan unha homenaxe a alguén que morreu? Pois na miña situación, cun problema de saúde, eu vívoo pensando: ‘Coño! A min déronmo en vida’».

-¿Por que se afiliou ao sindicato?

-Polos nosos dereitos. Intelsa [a empresa orixinaria] era unha filial e nós levabamos o que negociaba o comité de Madrid. Fun medrando naquel ambiente e foi así como me afiliei para unirme a aquela xente que realmente estaba defendendo os nosos intereses.

-Eran 400 mulleres e 100 homes. ¿Tiñan conciencia de estar sendo discriminadas?

-Os homes cobraban máis ca nós, pero daquela aínda había moito que loitar. Non morrera Franco. Para abrir a cartilla do banco tíñache que dar permiso o teu home. Cando eu empecei, no 74, con 19 anos, gañaba 8.000 pesetas. Eran moitos cartos. O meu marido, que era albanel, cobraría 2.000. Que un compañeiro cobrara máis na empresa daquela era secundario.

-Vostede di que era un traballo máis...

-É que era así. Cando din de darlles un soldo ás amas de casa, eu digo que a min tamén mo tiñan que dar. Porque o meu marido ía para casa, ceaba e listo. Eu marchaba antes, chegaba antes e tiña que facer todo. A nosa xornada sempre foi continua. Víñanche as tardes de verán e ao chegar a casa aínda tiñas outro día de traballo, ata as once da noite. E a min dábame rabia.

-O sacrificio de por vida...

-Claro. O de non ter outro fillo moito foi sacrificado polo traballo. Porque facía falta todo. Eran uns tempos cando eu casei, que teño que agradecer, porque a miña sogra deunos un terreo e o meu home fixo a casa, desde a cementación ao tellado, toda, feita por el. Pero claro, mentres facía a casa non gañaba, ao contrario, gastabamos no material. Así que eu chegaba, xa comida, e a traballar. Teño carretado moitos ladrillos e moitos bloques e feita moita masa para axudar a facer a casa.

-Nestes 40 anos as melloras e a violencia viñeron xuntas.

-Os homes non asumen que as mulleres son persoas independentes e, por telas sometidas, prefiren matalas a que sexan mellores ca eles. ¿Que pasa? Eu vivín nunha familia moi normaliña, fomos 12 irmáns, meu pai traballaba na construción, pero machista era abondo. E tamén che digo, ¡a miña nai tamén!