As raíces da investigación oceanográfica

Ricardo Vales

A CORUÑA

Héctor Quiroga Lorenzo (A Coruña, 1933-2018), científico e exconcelleiro de Medio Ambiente
Héctor Quiroga Lorenzo (A Coruña, 1933-2018), científico e exconcelleiro de Medio Ambiente Ricardo Vales

Faleceu o científico e exconcelleiro de Medio Ambiente Hector Quiroga Lorenzo

06 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando eu me incorporei ao equipo do laboratorio da Coruña do Instituto Español de Oceanografía (IEO), en 1980, España aínda non estaba na CEE. Corrían tempos heroicos e o país levaba meses con ansias de formar parte do club selecto europeo. Estabamos en setembro e había que perfilar moitas estatísticas para certificar a incorporación definitiva (1986), circunstancia pola que o laboratorio andaba agobiadísimo tentando adaptarse aos novos tempos. Lembro que Héctor Quiroga ocupaba un despacho no primeiro andar, que compartía con outros dous investigadores dedicados a avaliar as poboacións de moluscos bivalvos do maior banco de Galicia, o da Misela, na ría de Muros e Noia. Previamente, participara no desenvolvemento do Plan Marisqueiro de Galicia, sendo tamén asesor da comisión para a revisión dos polígonos de viveiros flotantes. Colaborou no plan pesqueiro de Galicia asesorando os relatorios de comercialización e de pesca demersal.

Quiroga foi un dos artífices da construción do actual laboratorio, situado no dique de abrigo, inaugurado en 1974, e dirixido ata 1981 por Miguel Torre Cervigón. Con anterioridade, fora o director do Centro Costeiro do Noroeste, situado no primeiro piso dun vello barracón no peirao de Linares Rivas que, á súa vez, albergaba a comisaría do Porto e o corpo de carabineiros da Garda Civil. Previamente, realizara estudos de investigación en Francia, Gran Bretaña e Estados Unidos, publicando numerosos artigos de divulgación en prensa e revistas especializadas.

Entre 1987 e 1989 promoveu no marco da Comisión Baleeira Internacional campañas de avistamento de mamíferos mariños no Atlántico nordeste, a bordo dos buques Explorador e Investigador. No 2002, editado pola Deputación, publicou o libro La caza de ballenas en aguas ibéricas, onde recompila a información.

Pero Quiroga era un personaxe dual e complexo; por un lado estaba o investigador apaixonado; por outro, o político atento e pendente a todo o que ocorría na súa cidade, sendo concelleiro de Medio Ambiente na primeira corporación presidida por Francisco Vázquez, chegando a representar ao Concello no Consello de Administración da Autoridade Portuaria.

En 1985, abandona o IEO para incorporarse á dirección provincial do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, como xefe da sección de Pesca, pasando en 1988 á Dirección Territorial de Galicia, órgano no que permanecería ata a súa xubilación, no ano 2000. Nese último cargo tivo que lidar co conflito do descanso semanal para a frota do día. Ultimamente, parecía ter encerradas as súas emocións nos límites dos amigos da Solana. Que a terra lle sexa leve.