Un dos mellores directos do actual rock galego estará o próximo sábado no Playa Club dentro de Los Conciertos de Retroalimentación
15 nov 2018 . Actualizado a las 12:15 h.Psicodelia, maxia, misticismo e búsqueda do trance. MØURA desprega sobre o escenario un poderío que perturba. Poderase experimentar o próximo fin de semana (sábado 17, Playa Club, 23.00 horas , 8/10 euros). Fala Diego Veiga, voz e guitarra do grupo.
-A súa música soa densa e psicodélica. En que se inspiran?
-Dentro da ampla amalgama de estilos nos que se move cada membro do grupo, xéneros coma a psicodelia, o progresivo, o folk ou o krautrock sempre están presentes. Empregar eses elementos e combinalos con liñas melódicas máis próximas ao folclore galego é a nosa procura constante. Os nosos temas van tomando forma paulatinamente ata atopar o equilibrio das partes.
-En directo desenvolven ambientes que parecen buscar un transo colectivo. É o que perseguen?
-O poder da música para acadar estados de conciencia alterada leva sendo empregado dende os inicios da humanidade con distintas finalidades. Conseguilo entre nós no escenario vai vinculado ao feito de que se converta en colectivo.
-Ese directo sorprendeu a moitos cando actuaron neste ciclo hai dous anos. Evolucionou desde entón?
-Non sabemos se sorprendeu a moitos ou poucos pero somos unha banda que, pola nosa mecánica de traballo, evoluciona constantemente aínda que de forma paulatina. Partimos de longas improvisacións ás que imos engadindo, restando ou modificando elementos ata chegar a onde o queremos e, no noso caso, este proceso supón unha longa viaxe.
-Hai unha conexión máxica na súa música?
-Tentamos que a nosa música funcione como estímulo dun acto cerimonial, una viaxe intrínseca e ao mesmo tempo comunal. Supoño que se pode dicir que se da esa conexión máxica cando o conseguimos.
-Que influencias extramusicais teñen?
-Os membros do grupo compartimos intereses comúns na etnografía galega, a natureza humana, o ocultismo ou o cinema experimental e underground.
-Veñen con Harrison Ford Fiesta, un grupo amigo. Fálenos del.
-Folk escuro, lisérxico e ritual tendente á épica espiral. Veñen dende Tarragona e presentan o seu segundo disco La Fête. Ademais, ámbolos dous grupos temos colaborado coa artista coruñesa Iria do Castelo, que atrezzará o escenario con algunhas das súas obras para esta ocasión
-Levan xa un tempo xuntos, pero aínda sen disco. Para cando? Cando o editarán?
-O certo é que gañas non faltan pero tampouco nos provoca ansiedade. Chegados a este punto gravaremos cando se produzan as circunstancias máis favorables para rexistrar a nosa música dunha maneira satisfactoria. Somos dos que gustan dos formatos físicos, así que agardo que o disco se converta nunha realidade.