Xulio Ferreiro (Marea Atlántica): «A limpeza preocupa máis cando outros asuntos desaparecen da axenda»

Eduardo Eiroa Millares
Eduardo Eiroa A CORUÑA

A CORUÑA

ANGEL MANSO

Considera que grazas ao seu goberno xa non hai tanta preocupación polo paro e as emerxencias sociais e a xente fíxase máis no estado da cidade

24 may 2019 . Actualizado a las 10:42 h.

Xulio Ferreiro (A Coruña, 1974) preséntase á reelección como alcalde encabezando á Marea Atlántica. Atrás quedan catro anos de goberno local en minoría, acadando a alcaldía co apoio do PSOE na investidura.

-O PSOE deulle a alcaldía sen condicións hai catro anos. Fará o mesmo se a situación é ao revés?

-Non vai ser necesario, porque estou absolutamente convencido de que nós imos liderar a maioría progresista que xa existe nesta cidade.

-Falo dun caso hipotético.

-Se ese caso se produce xa o falaremos o día 27.

-Gobernou grazas ao socialistas, que opinión ten dese partido?

-É certo que tiven os seus votos para ser alcalde, pero ao día seguinte deixáronme só. A min faime moita graza que o PSOE intente presentar como a arma para parar a dereita na Coruña: aquí levamos nós catro anos parando a dereita. Hai que ter un pouco de memoria.

-Di a oposición, e tamén os veciños segundo un informe da OCU, que a cidade está máis sucia. Está máis sucia ou máis limpa?

-Evidentemente a limpeza e o coidado da cidade é unha preocupación lexítima dos veciños, e miña tamén. Creo que temos que mellorar, e imos mellorar porque está en marcha un novo contrato que pasa de 10 a 15 millóns. Tamén creo que neste tipo de asuntos aumenta a preocupación por eles cando outros asuntos desaparecen da axenda, cando desaparece a corrupción, cando non estamos nunha situación de emerxencia social ou cando as cifras de desemprego non son intolerables.

-Que fará Xulio Ferreiro o 26 de maio se non é alcalde?

-Vou ser alcalde o 26 de maio, estou absolutamente convencido, co cal non teño pensado un plan B.

-O carril bus xa non está no seu programa.

-Non é unha idea desbotada. O importante non é falar de carril bus si ou carril bus non, o importante é falar de que tipo de rede queremos e de que sexa eficiente.

-Para a antiga sede de Fenosa acadouse unha solución. É xusto pagarlle tres millóns de euros ao denunciante?

-Entre 60 e tres a diferenza é evidente. Cada un poderá ter a opinión que queira, pero a esa persoa os xulgados déronlle a razón unha e outra vez.

«Nunca pensei, até o 2015, que ía acabar nun cargo público»

Xulio Ferreiro vive coa súa familia nos Castros e di que fai vida de barrio, gústalle «ir de viños pola Gaiteira», e se ten que escoller unha praia na Coruña cita a de Oza porque lle queda máis preto. Fóra, no resto de Galicia, escolle a de Baroña. 

-Que fai cando ten unha fin de semana libre?

-Xa non me acordo. Estar coa familia, cos nenos, aquí na Coruña, ou saír de turismo rural a pasear pola natureza, gústame O Courel.

-Cal é o seu lugar favorito da cidade?

-Gústame moito a praza das Bárbaras, é un lugar moi agradable e sempre que vén xente de fóra lévoos alí.

-Foi un bo estudante?

-Si.

-Dos que son delegados da clase?

-Fun delegado en primeiro de carreira, e representante de estudantes na facultade.

-De aí lle vén a política?

-Sempre tiven vocación de botar unha man, nunca pensei, até o 2015, que ía acabar nun cargo público.

-Con que queda destes anos?

-Con pequenos detalles, cando alguén vén e che di que algo que fixeches, que podía parecer pequeno, lle cambiou a vida. O outro día díxomo unha muller nas Conchiñas sobre a axuda no fogar. Outra nas hortas urbanas da Agra... Para iso é para o que un está aquí, non para outra cousa.

-E do malo?

-A perda de intimidade é un aspecto a ter en conta. Houbo certas campañas moi duras en momentos puntuais que me afectaron, que levaron a que meus pais recibiran anónimos con ameazas na súa casa, que levaron a que se difundisen rumores sobre a miña vida persoal que non tiñan nada que ver coa realidade. Iso quizais sexa a parte máis dura.

-Anónimos con ameazas?

-A raíz do incidente coa alfombra do Rosario enviáronlle á casa nun sobre, máis dunha vez, un recorte de prensa e ameazas por ese feito.

-Denunciaron na policía?

-Non.