Un século da casa do Millonario de Oza

Xan Casabella / José Carlos Alonso

A CORUÑA

ANGEL MANSO

A vivenda é o único exemplo que queda no barrio dun urbanismo do que Ciudad Jardín é o mellor exemplo

27 ene 2022 . Actualizado a las 18:38 h.

O proxecto desta casa foi realizado en 1917, e a súa construción prolongouse durante dous anos, ata a data de remate en agosto de 1919. Fai agora, logo, cen anos de vida. O período modernista na cidade da Coruña poderiamos dicir que comeza a manifestarse sobre 1908, tivo o seu momento álxido sobre 1910 e comezou a esmorecer cara a 1914. Unha fase bastante curta, duns seis anos de duración, pero durante a que se realizaron bastantes obras arquitectónicas.

Un novo estilo

Os autores. Os arquitectos que utilizaron dun xeito máis decidido este estilo eran dous profesionais chegados de fóra: Julio Galán Carvajal (nomeado arquitecto da Deputación da Coruña en 1901) e Ricardo Boán y Callejas (trasládase á Coruña en 1905). Os arquitectos que estaban traballando aquí, como Antonio de Mesa, Pedro Mariño, Leoncio Bescansa e outros, foron incorporando o estilo modernista na medida en que este se ía impoñendo no gusto da burguesía da cidade.

Posteriormente foron aparecendo outros arquitectos nacidos na Coruña, como Rafael González Villar (remata a carreira en 1910), Antonio López Hernández (trasládase á Coruña en 1910) e Eduardo Rodríguez Losada (remata a carreira en 1911), nos que as súas primeiras obras son aínda modernistas.

Plano del proyecto de construcción de la casa modernista de la avenia de Oza 132
Plano del proyecto de construcción de la casa modernista de la avenia de Oza 132 ARCHIVO MUNICIPAL DE A CORUÑA

Antonio de Mesa

Un proxecto especial. O proxecto desta casa modernista foi deseñado para unha familia burguesa, da que pouco máis sabemos que lle chamaban a do Millonario. Era o alcume que se lle daba ao dono da casa, quen nos anos setenta do pasado século tiña uns 80 anos. O alcuño evidencia que ter esa propiedade supuña un status económico especial. O proxecto foi realizado polo arquitecto Antonio de Mesa, un dos urbanistas desa época do que menos información biográfica temos. Sábese que foi arquitecto municipal entre 1890 e 1894; a partir dese momento comezou a traballar no Ministerio de Facenda, onde realizaría un moi necesario parcelario da cidade da Coruña. Supoñemos que continuou exercendo a profesión dun xeito liberal ata 1924, cando marcha para Madrid, cidade na que morrerá en 1939.

Obras emblemáticas

La Terraza. Non realizou moitas obras no centro da cidade, pero fixo algunhas dunha certa importancia, como o edificio La Terraza —situado onde antes estaba La Terraza modernista que logo se trasladou a Sada—, o Gran Café Moderno na rúa Real (aínda en pé), un edificio de vivendas na praza de Lugo e outro na rúa Federico Tapia. A eses inmobles de vivendas é posible que lle teñamos que engadir varias obras de casas burguesas, coma esta que realizou no quilómetro dous da estrada da Coruña á ponte da Pasaxe, un tramo chamado actualmente avenida de Oza.

Ciudad Jardín

Antecedente nos Castros. Esta estrada de saída da cidade era un magnífico lugar para este tipo de residencias burguesas por varias razóns: porque era unha localización que dispoñía de magníficas vistas sobre a entrada da ría e sobre a cidade consolidada, porque dispuñan de moito espazo libre para acompañar a casa con magníficos xardíns e porque, malia estaren nas aforas, aínda podían gozar da vida de relación social da cidade, coa que se podían comunicar ou ben en coche ou ben polo tranvía a Sada, que pasaba xusto por diante. Por iso que non é raro que na estrada que vai á Pasaxe, e antes dos Castros, existisen uns cinco ou seis palacetes (villa Sira, casa de Long, casa da Marquesa, casa do Millonario, casa onde residía o industrial Rodríguez Chas, o chamado Sanatorio dos Castros —que non deixaba de ser tamén un palacete con xardín— etc.) cunha tipoloxía de edificios exentos ou pareados. O acontecido nas marxes desa estrada suporá un adianto do que en 1921 sería Ciudad Jardín, en Riazor, un espírito que Antonio Palacios retomaría en 1923 nos Castros co conxunto de chalés denominado Aldea Gallega, que non se executou na súa totalidade. A casa do Millonario é o último exemplo desa cidade xardín entre A Pasaxe e A Gaiteira, unha zona na que os residentes non tiñan as augas de Riazor, pero si as máis tranquilas dos areais das Cañas, xunto ao desaparecido castelo de San Diego.

Tipoloxía

Con vistas e horta. As casas situadas no lateral dereito en sentido de saída, coma esta que nos ocupa, dispoñían dunha fachada principal urbana con orientación norte e vistas sobre a ría, onde se situaban os espazos de relación social (ou sexa, a tríade de comedor, sala e despacho), e unha traseira moito máis soleada cos cuartos e os espazos onde transcorría a vida máis doméstica, e con conexión directa a unha horta-xardín relativamente grande. Ademais disto, contaban cun pequeno aproveitamento baixo cuberta, con miradoiros e seguramente zona de almacenaxe e rocho. Esta era unha vivenda unifamiliar pareada, coa posibilidade de ter un conserxe-porteiro-xardineiro, para o que dispoñía duns cuartos na entreplanta, e espazo para aparcar un coche (de cabalos ou a motor); a construción convivía con outros edificios de vivendas de alugueiro, como a que ten xusto ao seu carón ou no outro lado da rúa.

A composición da fachada baséase nunha simetría tensa, en que os diversos ocos van equilibrándose aínda que non sexan exactamente iguais, a diferenza doutras obras do mesmo autor, en que a simetría crea unha orde pechada e estática. Neste caso, as lixeiras diferenzas entre os ocos e entre os elementos ornamentais crean un certo dinamismo, xerando novas relacións diagonais que enriquecen e relacionan esta casa con outras.

Cambio de época

A fin do modernismo. Polo que dixemos anteriormente, o modernismo xa estaba a esmorecer como estilo, pero aínda había a necesidade de querer destacar as casas-residencias dos burgueses doutras máis anónimas da mesma rúa. Para iso utilízase un repertorio de formas volumétricas que irán puntuar os elementos funcionais necesarios (portas, fiestras, balcóns, galerías, miradoiros), xa un pouco lonxe das formas florais e fluídas do modernismo. A ornamentación singulariza a cada elemento funcional, e nunca hai intención de buscar relacións formais con outros elementos para crear ordes superiores. Poderiamos dicir que estamos diante dun modernismo en retroceso, que non ten nin o vigor nin a creatividade innovadora que se tiña visto noutros exemplos da cidade da Coruña. O desastre do paso dunha guerra europea e mundial (1914-18) tiña arrefriado as ansias de expresionismos e ornamentacións, e estaba dando paso a reflexións novas e de maior calado.

Protección

Materiais e catalogación. O uso de bos materiais, tanto nas paredes de pedra e os revocados como nas carpinterías de madeira pintadas, fixo que esta casa, a pesar de estar moito tempo abandonada, se conservase en moi bo estado construtivo. A limpeza e o pintado a que foi sometida recentemente fan relucir de novo este último palacete urbano, que nos recorda cómo eran os palacetes que poboaban toda a avenida de Oza hai xa cen anos, e tamén os doutras partes da cidade e da contorna. Hai que agradecer unha vez máis aos catálogos de protección de elementos patrimoniais, que grazas ás súas determinacións conseguen que estas belas construcións históricas aínda formen parte das nosas cidades e non desaparezan, como xa o fixeron a casa de Long, villa Sira etc., convertidos os seus soares en altos e anódinos edificios de vivendas. Os seus espazos renovados aínda poden ser sede de novas empresas, ou superficies comerciais, dignos centros de institucións, lugares públicos de xuntanza... En fin, espazos vivos que humanicen a cidade actual.

Xan Casabella é arquitecto, e José Carlos Alonso investigador e urbanista.