O grupo coruñés Tiruleque acaba de publicar unha peza de espírito festivo e reivindicación social
12 abr 2020 . Actualizado a las 23:41 h.O grupo coruñés Tiruleque, como agasallo de Pascua, lanzou este domingo o seu particular himno do coronavirus. O seu SanSARS Covidiño-19 é un arranxo do Eu fun á feira de San Sadurniño da charanga de Cuco de Velle adaptada a «estes tempos apocalípticos».
Os sete integrantes desta formación tradicional fan un repaso do contaxio internacional nesta pandemia antes de dar instrucións precisas para parala cuns retrouxos que din «Vai lavar as mans / por diante e detrás / e queda na casa / para non contaxiar» e «Xabrón / xabrón / xabrón / contra a infección / e ao Sergas financiación».
Os Tiruleque reivindican, nun tempo de confinamento, uns novos heroes, «os servizos públicos fanse chamar», din nunha peza que conxuga a opción festeira e a reivindicación social. Esta banda, residente na Repichoca de Orillamar, ten tres traballos discográficos no mercado, sendo o último Outro que tal baila.