
Indignación e orgullo. Esas son as dúas palabras que me veñen á cabeza estes días en que tanto se está a falar das Tanxugueiras
12 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Indignación e orgullo. Esas son as dúas palabras que me veñen á cabeza estes días en que, con razón, tanto se está a falar das Tanxugueiras. Indignación, a que sinto, eu e a inmensa maioría da sociedade galega, perante o exercicio de intolerancia e chauvinismo protagonizado polo xurado do Benidorm Fest. Orgullo, pola dignidade e a excelencia coas que as Tanxugueiras representan a nosa lingua e a nosa cultura, partindo da raíz popular e proxectándoas cara ao futuro, sen poñerse ningún tipo nin de límite nin de teito.
Mais nesta cidade, chove sobre mollado. A pouco que rebobinemos a memoria, lembraremos o lamentábel espectáculo que ofreceron no Monte de San Pedro as supostas celebrities do MasterChef, cando primeiro ridiculizaron a nosa lingua e logo, para acabar de mostrar o seu talante galegófobo, pediron desculpas porque seica a súa intención non era «meterse con ningún tipo de dialecto».
Un espectáculo lamentábel e que, infelizmente estaba regado con diñeiro das e dos contribuíntes coruñeses, pois é ben que non perdermos de vista que o MasterChef recibiu unha subvención do Concello de case 50.000 euros.
Se para as celebridades de MasterChef o galego é un dialecto, para os condutores da gala do Benidorm Fest a nosa é unha lingua inventada. É a mesma narrativa de ignorancia supina, desconsideración e ofensa. Lóxica pois a indignación da nosa sociedade. E lóxico o orgullo por unhas Tanxugueiras que foron realmente as gañadoras do concurso.
Fórono porque, alén da indubidábel calidade da súa proposta musical e até escénica, demostraron que, efectivamente, o galego non ten fronteiras, salvo aquelas que intentaron erguer os censores dun xurado que preferiu apostar por facer o ridículo antes do que aceptar con naturalidade que o Estado español é pluricultural e plurilingüe.
Esta ofensa ao galego e á nosa cultura foi perpetrada, aínda por riba, nunha televisión pública, pagada co diñeiro de todas, tamén das galegas e dos galegos, motivo polo cal o Bloque Nacionalista Galego levou este asunto ao Congreso dos Deputados por mediación do noso deputado Néstor Rego.
E non quero deixar de destacar que a ofensa e a falta de respecto non viñeron da audiencia, pois esta de forma moi maioritaria, e polo voto popular, decantouse a favor das Tanxugueiras, senón dos membros españois do xurado. Metáfora perfecta de que no Estado español a resistencia a aceptar a plurinacionalidade está máis nas elites do que na sociedade, está máis arriba que abaixo.
En todo caso, e como din con orgullo as Tanxugueiras, para a nosa cultura e para a nosa lingua non hai fronteiras!