Xosé Manuel Casabella: «Fago unha chamada ao Concello: que se decida a crear o Museo da Cidade»

M. Carneiro A CORUÑA

A CORUÑA

CESAR QUIAN

O arquitecto rematará en abril a rehabilitación da cafetería Copacabana, que él mesmo proxectou nos anos 80 nun espazo privilexiado para o que pide atención

16 feb 2022 . Actualizado a las 13:09 h.

Xosé Manuel Casabella López (Ferreira do Valadouro, 1942) é un dos contados arquitectos que interviñeron no espazo privilexiado do Recheo da Coruña desde a súa creación na segunda metade do século XIX. Fíxoo por partida dobre. En 1982, como autor do proxecto de reforma do Kiosko Alfonso —único sobrevivente, coa Terraza, daquel tempo de rompente cultura urbana arredor dos efémeros pavillóns dos xardíns—, e tres anos despois por unha encarga maior, como foi a concepción dun edificio novo para acoller o negocio do hostaleiro Raimundo Sánchez Seoane, responsábel ata aquel momento dun local situado a poucos metros onde vendía os bocadillos de luras máis cotizados da cidade. Así naceu o Copacabana, que este mes de abril reabrirá con novo concesionario e rehabilitado polo propio Casabella e por Xosé Luís Manuel Martínez Raído, con case 400.000 euros de presuposto, reformas pequenas e a esencia intacta. Da súa orixe (e do tempo que o precedeu) falou este martes o arquitecto na Real Academia Galega de Belas Artes.

—Cómo abordou a petición dun novo edificio nun lugar tan simbólico?

—Con moitas dúbidas. Foi un exercicio profesional moi difícil qué facer alí. De feito fixen catro propostas ata chegar á última. Tiña que inventar unha arquitectura diferente, porque non podiamos imitar o que había, e despois dun largo proceso de reflexión apareceu esa idea de edificio alargado, como moitos dos quioscos de madeira do Recheo, que tiñan 30 ou 40 metros de largo por 5 ou 6 de ancho, lixeiro, luminoso, dignificado con materiais nobres, chapas de mármore branco, a cuberta de estrutura metálica, e o vidro, que aguantou 40 anos impecable.

—Cal é o valor do Recheo na evolución da cidade?

—O Recheo para os arquitectos encerra unha reflexión importante porque é nestes espazos de paseo e alamedas onde a arquitectura atopa a investigación e a creatividade que non se permite nas obras monumentais, sen prexuízos nin censura. Aparecen recursos da arte árabe e exipcia, edificios frívolos, caprichosos, predomina o pintoresco, o festivo, non hai referencias clásicas. E así nace o modernismo, que tan importante foi na Coruña.

—A contribución dos enxeñeiros militares á evolución da cidade é pouco coñecida.

—Eu fago unha chamada ao Concello: que se decida a crear o Museo da Cidade. Hai que recompilar toda a documentación, abondosísima, que existe sobre a evolución e a historia da Coruña. Non só do século XIX, desde a época romana e ata hoxe. Desde os planos dos enxeñeiros militares [Casabella fala dos ensanches de Montaigut e La Ferriere para o barrio da Peixería, ou o proxecto de Eduardo Vila para a zona da Mariña e o porto] ata a proposta que fixera Ricardo Bofill para a dársena nos anos 80. Daquela fixérase unha maqueta preciosísima con planos fantásticos. Gustaríame saber onde están agora e aínda máis que se expuxeran para poder velos.