«Este libro é para os que pasan ao pé dun edificio na Coruña e saben que está alí e nada máis»
A CORUÑA
O escritor Xosé Ramón García Vázquez presenta a súa segunda obra, «Edificios coruñeses con historia», publicada por Arenas
08 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O escritor Xosé Ramón García Vázquez (Monelos, 1954) presenta hoxe na sede da ONCE o seu último libro, Edificios coruñeses con historia, publicado por Arenas tres anos despois da Guía dos Xardíns de Méndez Núñez, na que o investigador propón un paseo polo Recheo da man da botánica, a arquitectura e a historia do lugar.
—Qué trae con esta nova obra?
—Este é un libro para curiosear, para a xente de aquí que pasa ao pé de moitos edificios e só sabe que están alí e nada máis, non quen os fixo, nin por que nin a historia que gardan.
—Como fixo a escolla entre tantas historias?
—Seleccionei 34 edificios que tiveran algo que contar, porque hainos moi bonitos e moi antigos nos que non pasou nada importante. O Banco Pastor, por exemplo, ten a transcendencia de ser o rañaceos máis alto de España no momento da súa construción, pero tampouco agocha unha historia íntima. E á parte, gustaríame incorporar unha selección de edificios desaparecidos, pero ao cabo non puiden, queda para outra ocasión.
—E ao revés? Un edificio humilde cunha historia inesperada?
—A igrexa do convento das Bárbaras é moi pequeniña e ten moito interese. Ou o Circo de Artesáns, hoxe nun edificio sen moita relevancia pero que foi un foco cultural importantísimo na cidade.
—Que historia das que descubriu lle chamou a atención?
—Hai cousas curiosas. Por exemplo, un edificio que case ninguén coñece é a Casa do Sol, no Orzán, moi bonita pero para moita xente nada máis que iso. Ten unha historia importante. Alí montaron dous médicos un dispensario para enfermos de tuberculose, cando a enfermidade estaba arrasando a cidade, a primeiros do século XX, proxectado polo arquitecto municipal Pedro Mariño. Despois pasou ao Concello e foi sede do departamento de Festas.
—Como foi o proceso de documentación?
—Hai que ler e mirar nas bibliotecas e nos arquivos. E as hemerotecas tamén son importantes.
—O coñecemento do patrimonio podería ter evitado a súa destrución na Coruña?
—Penso que o interese que se pode tirar deste libro é que, vendo o que temos, podemos sentirnos orgullosos e intentar aprender a valorar o que aquí hai. Ou mesmos para matar a curiosidade, despois xa virá o que virá. Pero iso si, se non es curioso dá igual o que che poñan diante, non tes nada que facer.
—En que estado se encontran?
—A sorte destes 34 edificios é que están coidados e teñen bo mantemento, aínda que moitos loxicamente cambiaron a utilidade e xa non se dedican ás actividades para as que foron construídos.