O político e profesor publica «O libro negro da lingua galega»
11 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.«É unha síntese de 500 anos de represión continuada sobre o galego». Deste xeito resume o escritor e profesor Carlos Callón o resultado do seu novo traballo, O libro negro da lingua galega (Xerais), co que busca encher a ausencia dun relato destas características do idioma galego que xa existía no caso do vasco e o catalán.
Carlos Callón inicia o percorrido sobre esa represión sobre o galego en maio de 1480, momento no que os Reis Católicos impoñen o uso do castelán aos escribáns, e remata en 1986, coincidindo co nacemento da Mesa pola Normalización Lingüística e unha sentencia do Tribunal Constitucional «na que limitaba a oficialidade do galego». «É un libro que fala de feridas, de cicatrices..., pero non só atopamos a historia da represión, senón tamén os lóstregos da noite, da xente que abriu a boca... Nós somos herdeiros e herdeiras tanto da represión como das persoas que loitaron en tempos moi difíciles», subliñou o autor, que onte presentou o libro na libraría Couceiro, en Santiago de Compostela.
A primeira idea de Callón era reunir os estudos que existían sobre a represión sobre o galego, pero despois deuse conta de que «non só era necesario compilar, senón que era necesario ir a arquivos, buscar novos documentos...». Deste xeito, na publicación de preto de oitocentas páxinas tamén divulga documentos pouco ou nada coñecidos. Entre eles, detalla, hai varios regulamentos inéditos das escolas desde 1543 ata 1980 «que amosan como se batía nos nenos por falar en galego». É o caso dun do século XVIII en Pontevedra no que se recolle como se debe perseguir a quen empregan esta lingua. Na publicación tamén figura a decisión da biblioteca española no século XVII de non imprimir as Cantigas de Santa María por considerar «extravagancia y de mal gusto» a poesía en galego.
Cal foi a peor época de represión lingüística destes cincocentos anos? «É difícil seleccionar unha. Houbo un proceso continuado de represión. Foi moi grave durante o franquismo, pero houbo momentos de trauma en varias ocasións», respondeu o autor. Citou entre os exemplos a época da restauración borbónica e a ditadura de Primo de Rivera. «Tamén hai represión na democracia, non foi só durante o franquismo», subliñou Callón, lembrando sancións en 1980 a mestres que empregaban o galego.
«Son moitos paus, pero o elemento positivo é que estamos aquí», afirmou o autor, apuntando que nestes momentos ninguén pode negar que a lingua perde falantes, «pero tamén é certo que a inmensa maioría do pobo quere que se promova e considérao un elemento de unión. Debemos estar orgullos do feito para que non se perdese». Para Carlos Callón «é necesario coñecer o pasado para mudar o futuro e romper con todas as «fake news» sobre o galego.
A publicación acompañarase dunha campaña nas escolas e librarías dando a coñecer 15 fitos de represión da lingua. Ademais, haberá roteiros o 7 de xullo en Santiago e o 16 en Pontevedra.