Chelo García Falcón, a amiga que adorou a familia, os amigos e o teatro

Manuel Lourenzo

A CORUÑA

A actriz faleceu o 12 de decembro

16 dic 2022 . Actualizado a las 09:50 h.

Hai moitos anos que xa padecía unha doenza que terminaría con calquera, mais Chelo non se conformaba e abríase paso entre todas as dificultades, proclamando o triunfo da vida, do amor e da amizade. E como conseguíu facelo para ser tan querida e admirada de todas as persoas con que se relacionou? Chelo escolleu o teatro para experimentar outras vidas, aprendendo a respirar, a ollar, a se expresar como unha daquelas mulleres que outros -profesores ou directores de teatro- escollíamos para que nos fixese o presente dun novo personaxe, quer saído da mitoloxía clásica, quer da vida diaria da literatura pu do cinema máis admirados. O último traballo que lle propuxen e que ficará para sempre na memoria é o dunha Libertad Lamarque con raíces coruñesas -fose certo ou invento-, enfrontándose a Eva Perón por un problema de secuencias e de primeiros planos nun filme. O que pensamos todos ao ver aquel monólogo: «Chelo nunca se comportaría así». Ela, por máis que perdese, era sempre honesta, bondadosa e dunha elegancia que envolvía toda a súa persoa, fose a Chelo coñecida, fose a descoñecida, que viamos casualmente nunha obra de teatro...

Moita xente acudíu a despedirte, Chelo. Á túa familia quixéramos participar a nosa dor por unha perda irreparábel. Máis tamén o orgullo de ter admirado e amado a unha persoa tan exemplar.

Desde este baixío, amiga Chelo, luces, luces de Nadal!