Juan Varela, promotor de Ffoco: «Queremos renovar a imaxe de Galicia máis alá dos clixés escuros tradicionais»

Lidia Fernández A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

cedida

Este venres comeza a sétima edición do festival de fotografía contemporánea, que poderá visitarse ata o vindeiro 31 de decembro

09 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Luis Seoane será mañá o escenario da inauguración do Festival FFoco de Fotografía Contemporánea, que este ano celebra o seu sétimo aniversario cun programa cheo de actividades.

—Que podemos esperar desta nova edición do festival?

—Recuperar o espírito inicial do programa e levar as exposicións a núcleos menos convencionais. Este ano poderemos dispoñer da Filmoteca Galega, un templo no que se refire ó patrimonio cinematográfico galego.

—Será ese o escenario principal dos actos programados?

—Sen dúbida será un dos principais. Pero levaremos as exposicións á Fundación Luis Seoane, e tamén ó Mercado de San Agustín, cos que xa levamos colaborando anos nun intento de achegar a fotografía á rúa.

—O programa presentado é moi ambicioso. Que lle gustaría destacar de todas as actividades?

—Faime especial ilusión a participación de Jon Cazenave coa obra Ama Lur. Será el quen dea o «pistoletazo» de saída a un mes cunha gran oferta cultural. Tamén me gustaría salientar a presentación do fotolibro de Ana Paes, titulado Orixe ou cando a marea baixa, e o Premio Editorial, un certame que levamos organizando os últimos tres anos e do que nos sentimos especialmente orgullosos.

—A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 31 de decembro. Que é o máis salientable do próximo mes?

—Eu diría que a inauguración do arquivo fotográfico con material inédito e de gran valor.

—Como xurdiu a iniciativa de organizar un festival destas características?

—Pois xuntámonos cinco compañeiros de profesión dos que actualmente continuamos dous, e decidimos que era un bo momento para apostar pola fotografía contemporánea, de autor, con marcado carácter galego.

—Que quere dicir con iso de marcado carácter galego?

—Pois refírome a todos os artistas e fotógrafos locais, que traballaban arreo por achegar a fotografía á xente e por intentar establecer un novo discurso visual alonxado dos clixés escuros que sempre se vinculan con Galicia. O narcotráfico, a lenda negra... somos máis que iso.

—E como pretenden conseguilo?

—Precisamente con este tipo de iniciativas, cuxo obxectivo principal se centra en dar a coñecer o labor de talentísimos artistas ao público e desacralizar a idea de que a fotografía de autor só é apta para profesionais. Este festival é para todos os públicos.

—Por que é tan importante impulsar a fotografía nunha sociedade que vive por e para as imaxes?

—A foto reflicte o que somos. Especialmente nun mundo interconectado no que vivimos pegados ás pantallas e ao poder da imaxe. Pero fotografamos cousas sen atender ao que estamos facendo, sen valorar realmente o poder que garda.