
A área de Cultura destina 471.000 euros en varias liñas deste programa
13 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A historia do Reino de Galicia volve ser unha seria aposta do departamento de Cultura da Deputación da Coruña, un proxecto inmersivo na historia medieval galega a través da súa divulgación en diferentes formatos. O orzamento aumentará en 50.000 euros con respecto ao exercicio actual e ascende a 471.000 euros.
Ao igual que no 2022, o Reino de Galicia tivo un estand propio en Culturgal en decembro do 2023. «O obxectivo é potenciar o coñecemento sobre o pasado do país, e máis concretamente sobre unha época tan descoñecida como a medieval, carente dun relato propio no imaxinario colectivo a través de múltiples formatos que nos permiten chegar a públicos moi diversos. Queremos contribuír a combater a desmemoria e o descoñecemento deste período de gran esplendor do noso país e así poder comprender mellor a actualidade, e camiñar cara un futuro con maior capacidade», sinala a deputada responsable da área de Cultura da Deputación, Natividad González.
No 2024 haberá unha nova convocatoria de premios a proxectos que contribúan dun xeito orixinal á difusión do Reino de Galicia. Os gañadores repartiranse unha achega de 250.000 euros.
En outubro deste ano déronse a coñecer as 20 propostas seleccionadas e premiadas na segunda edición do Certame Fondo de proxectos culturais do Reino de Galicia, con 10.000 euros cada un. As elixidas foron: Dicionario da Galicia Histórica (Ciencia Galega Industrias Creativas SL); Cronoaventuras (Aqueladas Sociedade Cooperativa Xuvenil); Conexión co Reino (Cristela Torres Nine), Discordia & Reconciliatione (José García Sendón); Cantigas e murais para o coñecemento do Reino Medieval de Galicia (Xoán Curiel); Pío Latrocinio (Fernando Cortizo Rodríguez); Curtametraxe didáctica de María Balteira (Sétima Sociedade Cooperativa Galega); Suevos e galaicos (Noso Plans e Proxectos Sociedade Cooperativa Galega); Unha tiktoker no Reino de Galiza (Sara Seco Rial); O rei Alfonso VIII da Galiza na Costa da Morte (Bernardino Martínez Castiñeira); Game of fortes: Ameaza clerical (Iván Dávila Grande, compañías NegroLópez e Limiar Teatro); Porto de Bois, unha experiencia de historia ao vivo (Aldán López Dacosta); O legado do Reino de Galicia _Escape Room (Artefeito Produccións Sociedade Cooperativa Galega); O segredo do Betanzos medieval (Marma Sociedade Cooperativa Galega); Guía visual do Reino Medieval de Galiza (Trespés Produccións Culturais); Historia do Reino de Galiza en 10 minutos (Daniel Seoane Souto); Biografías esenciais do Reino da Galiza (Sermos Galiza); O Panteón Real de Compostela: A Alianza do Regnum e o Sacerdotium para a configuración dun Templo Nacional (Fundación Catedral de Santiago de Compostela); Onda gravitatoria Balteira (María Estíbaliz Espinosa del Río); e O Reino de Galiza na moda. Deseños para conectar o pasado co presente (Marca galega de roupa Acontravento, Daniel Portela Macua).
O proxecto do Reino de Galicia ten máis liñas de traballo, como unha exposición itinerante sobre o medievo galego que se desenvolverá nas principais cidades da provincia ao longo do 2024. Santiago acolleu o ano pasado un congreso internacional sobre esta época.

Aumenta o orzamento «para poñer en valor a riqueza cultural do país»
A área de Cultura incrementa no 2024 o seu orzamento nun 11,3 % ata chegar aos 11.451.400 euros, con programas como a Rede Cultural, o maior circuíto estable de actuacións ao vivo en Galicia, con 2,3 millóns de euros, ou os 3,6 que a Deputación destina a apoiar ás entidades culturais da provincia. Tamén se destina algo máis dun millón para persoal técnico.
«Dende a Deputación defendemos a cultura como un dereito real da cidadanía, por iso reforzamos a nosa aposta o vindeiro 2024, aumentando o orzamento para apoiar outros proxectos e entidades culturais de diferente índole, e tamén cunha ambiciosa programación propia que pon en valor a riqueza cultural do noso país», sinala a deputada responsable de Cultura, Natividad González.
As residencias do pazo de Mariñán manteñen o apoio provincial a creadores artísticos emerxentes
A área de Cultura da Deputación da Coruña vén desenvolvendo desde hai anos un importante labor de apoio á creación a través da convocatoria anual dun amplo repertorio de premios e certames en diferentes ámbitos e disciplinas. A institución provincial reforza as súas liñas de apoio «ás creadoras e creadores» continuando cun programa centrado non nas pezas ou resultados finais, senón no apoio aos procesos creativos, a través das Residencias Mariñán. Seleccionaranse catro proxectos do ámbito da literatura e o pensamento e outros catro musicais para desenvolver a súa residencia creativa no pazo bergondés. As comisarias son Aitana Cuétara (en música) e Roberto Abuin (literatura e pensamento). A diferenza doutros anos, con quendas en xullo e decembro, a previsión da Deputación é celebralas todas en abril do 2024.
Na última edición o xurado escolleu a Andrés Sanjurjo e Vanesa M. Sotelo (literatura) e Paula Domínguez e Judith Ruso (pensamento). Posteriormente foi o turno de Esther F. Carrodeguas e Soraya Lema Carballo en letras, e Xerardo Pereiro Pérez e Abraham Pérez Fernández en pensamento.
No ámbito musical, a primeira formación que desenvolveu a súa estadía no pazo de Mariñán foi o dúo Caamaño&Ameixeiras, a quen seguiu Berto. Tamén desfrutaron da residencia Mario G. Cortizo, cun proxecto ponte entre a percusión tradicional e a contemporánea, e Xacobe Martínez Cuarteto Federal, músicos da periferia da Península coa improvisación jazzística como fío condutor.
O pazo de Mariñán xa acollera unha iniciativa previa relacionada coa convivencia artística, no marco do programa Patrimonio GZ Sons! «Daquela fora o produtor Raül Refree o que encabezara unha residencia artística desenvolvida xunto a compiladores e artistas referenciais da música tradicional galega», indican fontes da área de Cultura da Deputación, que lembran que as populares Tanxugueiras, as mozas que levaron a música galega á fama internacional, formaron parte deste proxecto.
Bolsas de estudos
O compromiso da entidade provincial coa formación e a creación de novos emerxentes se espalla en múltiples liñas de axuda. Para o vindeiro ano as bolsas de estudos da Deputación da Coruña (investigación, artísticas, danza...) será de 533.000 euros, un 11,2 % máis que no actual exercicio.