Os versos de Luísa Villalta resoaron no Teatro Colón e no Paraninfo da Maestranza

Alejandro García Chouciño
A. G. CHOUCIÑO A CORUÑA

A CORUÑA

EDUARDO PEREZ

A Deputación da Coruña e a Universidade continúan cos actos programados para homenaxear á poeta coruñesa

15 may 2024 . Actualizado a las 21:47 h.

O Teatro Colón converteuse este mércores no escenario de celebración da gala das Letras Galegas organizada pola área de lingua da Deputación. A cita, de balde para os asistentes, forma parte da campaña para homenaxear a Luísa Villalta, e que conta cunha serie de actividades para todos os públicos que se desenvolverán durante todo o ano.

Conducida polas poetas Yolanda Castaño e Dores Tembrás, a gala reuniu tamén a Janet Novás, Mercedes Peón, Elena Vázquez Ledo, Hugo Gómez-Chao, Adriana Aranda, Eva Vieites, Lulavai e a Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia nun espectáculo poético e musical arredor de A música reservada, o primeiro poemario publicado por Villalta.

Por outra banda, no paraninfo do reitorado da UDC na Maestranza resoaron con forza os versos de Villalta. O acto, que foi inaugurado polo reitor Ricardo Cao, contou coa participación de alumnado de primaria e secundaria de diversos centros educativos da cidade e tamén por persoal da UDC que leron algunhas obras da poeta. Ademais, serviu de presentación de Por que os homes non nos len?, un texto case inédito da escritora que non formaba parte de antoloxías publicadas ata o momento.

A programación da Universidade con motivo das Letras Galegas 2024 inclúe tamén dous concertos da banda galega de indie rock Chicharrón. Un deles terá lugar na Sala Cubo da Normal, o Espazo de Intervención Cultural da UDC, o próximo xoves, día 23 de maio, ás 19.30 horas.

Concertos, homenaxes e recitais na véspera das Letras Galegas

A Banda Municipal de Música ofertará este xoves un concerto especial as 20.00 horas no Ágora. Media hora despois, no Colón, estrearase a peza Concerto para un home só, unha obra orixinal do compositor Federico Mosquera con texto de Luísa Villalta. Tamén se realizarán, ás 19.00 horas, un recital en El Corte Inglés, e unha homenaxe na asociación Alexandre Bóveda.