Manel Cráneo, director de Viñetas desde o Atlántico: «Queremos captar ao gran público, que non é lector de cómic»
A CORUÑA
A 27.ª edición da consolidada cita chegará con novidades, como a incorporación de artistas en formato dixital ou o seu espallamento por novos espazos
08 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.É autor, editor (Demo editorial), promotor cultural e comisariou diversas exposicións. Por todo iso, seus compañeiros de sector sinalárono como o mellor perfil para afrontar a dirección de Viñetas desde o Atlántico. Un posto que, Manel Cráneo (A Coruña, 1973) di que non entraba nos seus plans asumir, pero que aceptou por ser «un reto moi bonito».
—Será a 27.ª edición de Viñetas, pero a primeira baixo a súa dirección. Como o afronta?
—O festival é unha cita consolidade e iso é o que máis presión me dá. Hai moita xente que é moi de costumes e se tocas ou se cambias algo, pode non gustar, pero eu penso que un cambio de dirección implica que haxa tamén cambios noutras cousas e imos facelos coa mellor intención. Veremos como funcionan.
—Que pode adiantar?
—Haberá un cambio de imaxe. O festival ten case trinta anos e en todo ese tempo as cousas cambiaron. Non podemos esquecer que entraron en xogo as novas tecnoloxías e que vivimos nun mundo diferente.
—A idea é achegarse ao público máis novo?
—Tamén. Hai que captar a ese público, que está moi afeito a vivir nunha pantalla. Temos que conseguir un equilibrio para chegar aos novos, refrescar un pouquiño o festival e manter o máis clásico. Por iso, algúns dos autores son persoas que traballan en dixital. Non os podemos deixar fóra. Pero a idea é captar ao gran público xeral que non son lectores de banda de deseñada, para que se sentan atraídos para acudir as actividades e que atopen un espazo no festival onde queiran estar. A intención é que ocorra como co Noroeste, que impregna toda a cidade.
—Viñetas Expo acollerá 18 mostras, como foi a selección?
—Si, 11 serán nas sedes do Concello (Kiosco Alfonso, Palexco, o María Pita, sala Salvador de Madariaga, Casa Museo Picasso e Ágora) e o resto en novos espazos. Os criterios son artísticos, pero tamén seguimos outros. O primeiro, que haxa paridade. Imos empezar a integrar duramente a inclusión social no festival. Para iso, ademais de autores mainstream, botamos man de xente que está mais na banda experimental e que tocan temáticas sociais moi importantes. Non somos a sociedade de hai 27 anos. As fórmulas hai que adaptalas aos tempos e agora vivimos nunha diversidade absoluta. Un festival que é de banda deseñada, que é un medio de comunicación con potencia, que chega a diferentes tipos de públicos e idades, é unha plataforma fantástica para reflectir o que é a sociedade actual.
—O público infantil terá seu propio espazo no Ágora.
—Si, é un dos sitios que recuperamos e no futuro agardamos poder conservar tamén o Fórum. A idea é achegar Viñetas aos barrios. No caso do Ágora, vai haber unha mostra chulísima, cunha retrospectiva de Jorge Capos. Necesitamos traballar moito a infancia porque son os futuros lectores e creadores.
—A cita expenderase por novos espazos, como xurdiu?
—Son sitios, como a cervexería Malte, que teñen moito movemento cultural. Acollen exposicións, actuacións musicais, actividades... Por iso, o que fixemos foi coller iniciativas que xa se estaban facendo e que estaban pululando na cidade e integralas ao festival. Fomos a propoñerllo. Creo que isto vai axudar a dar unha imaxe de festival unido e de que entre todos podemos sumar.
—Estará presente Genie Espinosa, autora do cartel.
—Si, é unha aposta por unha artista que tiñamos clara. Aí recoñezo que fixemos un chisco a outro festival, o de Barcelona. Este ano seu cartel é obra dunha artista coruñesa, Enma Ríos, e pensamos en irmandarnos con eles e que o noso o fixera unha autora catalana.
—Nese certame estivo presente outro dos autores que participará en Viñetas.
—Si, apostamos por traer a Marc Torices. Cando o chamei sabía que estaba sacando a súa segunda obra, que está vendendo moitísimo. Ao pouco, foi nomeado nese festival nas categoría autor revelación e mellor autor e acaba de gañar o de mellor obra. Foi unha aposta ben feita.
«Para a presenza internacional pareceunos bonito mirar á outra beira do Atlántico»
Esta próxima edición do certame, que se celebrará do 12 ao 18 de agosto, recupera ademais a presenza de artistas internacionais.
—Este ano tamén haberá unha mirada cara América Latina.
—Houbo moitas peticións do público para que retomaramos a presenza internacional. Pareceunos bonito mirar cara a outra beira do Atlántico. Hai dous países moi interesantes, Arxentina, que leva décadas sendo potente na banda deseñada, e Brasil, que ten agora unha canteira de autores que están destacando.
—As súas obras tamén encaixan nese obxectivo de abordar temáticas sociais?
—Si, Marcelo Quintanilla reflicte nas súas obras o mundo das favelas do Brasil. No seu último traballo expón todos os traballos que ten que pasar un brasileiro que quere ser futbolista e que sae do mundo máis baixo, a nivel económico, que rouba os peixes aos furtivos para vender e poder ser un gran xogador, como foi Pelé. Logo, de Arxentina virá Lucas Varela, que leva anos afincado en Francia. Con el, que é moi prolifero, pasou algo moi bonito. Soubemos despois de fichalo de que tiña ascendencia galega, de Betanzos. Díxonos que levaba anos desexando que o invitaran a participar no Viñetas.
—E non faltarán autores locais.
—Estarán os gañadores do Premio Castelao, Paula Mayor e Cristian F. Caruncho, e tamén faremos unha exposición colectiva, que daremos a coñecer pronto.
—Que lle diría a quen non foi nunca a esta cita?
—Que se animen. Van atopar un festival onde imos interrelacionar o cómic con outras actividades artísticas, novas e innovadoras, o que vai facer que o público xeral, aínda que non saiba nada de banda deseñada, se sinta atraído por Viñetas