Bernal Prieto: «Hai autores que elixen publicar por si mesmos, sen adaptarse ás editoriais»
A CORUÑA
O festival da autoedición celebra o seu décimo aniversario da man de Viñetas
12 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe comeza Viñetas desde o Atlántico, o salón coruñés do cómic, con varios cambios e sorpresas. Entre elas a inclusión oficial no cartel do Autobán, o festival de cómic autoeditado, que leva xa dez edicións afondando no talento gráfico e narrativo da nosa cidade e de Galicia enteira. Para conmemorar este aniversario pedíronlle a José Domingo, que xa fixera o cartel da primeira edición, que se ocupara do deste ano: «E como é unha persoa marabillosa dixo que si», apunta Bernal Prieto, que leva dende as súas orixes na organización do Autobán.
—Pensaban hai dez anos que estarían onde están agora?
—A verdade é que non, porque foi no principio un invento kamikaze, case un pop up dun día. Pero desde o primeiro momento vimos que había moitísimas ganas, polo que ao pouco tempo xa decidimos facer unha edición de inverno e continuar ano tras ano. Xurdiu nun momento no que empezaba a haber moitos eventos deste tipo a nivel nacional, e pensamos que precisamente A Coruña non podía quedar sen un festival así, no que os creadores teñan a oportunidade de enfrontarse directamente ao seu público e levar as súas novidades cada ano.
—Quén se da cita no Autobán?
—Moita xente no mundo do cómic e da creación que, por diferentes motivos, decide autoeditarse. É dicir, que salta algún paso do proceso editorial. Normalmente son autores que fan o seu produto final e que o ofrecen ao público directamente, sen intermediarios como as editoras ou as distribuidoras. E incluso sen librarías.
—É xente que non ten acceso ás editoriais e ten que buscarse a vida pola súa conta?
—Non, hai autores consagrados, que teñen obra publicada en editoriais pero que lles encanta o tema dos fanzines e a autoedición. Prefire facelo pola súa conta, sobre todo nos proxectos máis persoais, sen ter que adaptarse aos gustos do editor. Así controlas o proceso completo, ata chegar ao público. E iso non significa que o resultado sexa peor, tómanse moitísimo tempo. O que non quita que siga habendo fanzines de fotocopias como os de toda a vida. E tamén hai xente que está empezando e que fai o seu primeiro cómic e ten que recorrer á autoedición. E iso é algo fantástico.
—Levan dez anos coincidindo con Viñetas desde o Atlántico.
—Viñetas sempre tivo na Rúa da BD un posto dedicado aos fanzines, pero claro, non era o formato máis indicado. Nos fanzines hai moita xente que ten outros traballos, que non vive diso, e que non pode estar unha semana nunha caseta da feira. Por iso o Autobán naceu así, cunha duración dun ou dous días e coincidindo en fin de semana. Pero claro, o facíamos coincidir con Viñetas porque, por suposto, se xera unha sinerxía especial.
—Este ano van da man, o que parece lóxico.
—Xa o ano pasado houbo unha achega máis directa entre Viñetas e Autobán, e este ano, con Manel Cráneo na dirección, a cousa foi aínda a máis. É que Manel tamén ven da autoedición, así que ten unha especial sensibilidade con isto. As portas nunca estiveron pechadas, pero agora están especialmente abertas.
—De feito, abren vostedes o festival cun concerto ilustrado no Teatro Colón.
—Levamos anos facendo estes concertos ilustrados, e xa o ano pasado o fixémolo dentro de Viñetas e funcionou moi ben. Contamos con Sangre de Muérdago, que é unha banda tremenda, e con Sekone e Xulia Vicente, dous artistas enormes que estarán debuxando ao son da música.
—Pero haberá que esperar á fin de semana para o Autobán.
—O sábado temos o mercado da autoedición na praza de San Andrés de 12.00 a 21.30, onde haberá tamén obradoiros gratuítos de debuxo e de estampaxe en téxtil, ademais de actuacións musicais. Pero o venres facemos unha serie de actividades no Circo de Artesáns, como a entrega do premio e o Autobombo, que son presentacións rápidas de distintos fanzines que poderán adquirirse ao día seguinte na praza de San Andrés. E tamén faremos o combate de debuxantes, con oito ilustradores suando tinta.
«Estamos creando un arquivo de fanzines coa Biblioteca de Estudos Locais»
A evolución das actividades do Autobán disparouse vertixinosamente dun tempo a esta parte. «Igual con isto do décimo aniversario estamos pasándonos de medrada e o ano que ven temos que desescalar un pouco», asegura Bernal Prieto entre risas.
—Dende fai un ano, máis ou menos, Autobán non é só un evento, senón tamén unha asociación cultural.
—A intención é facer piña, que a xente que se dedica a isto na Coruña, e en toda Galicia, teña un punto de referencia e poder organizar diferentes actividades ao longo do ano.
—E outra novidade é o premio ao mellor fanzine galego, que se levou Luis Yang.
—Precisamente saca agora a editorial La Cúpula un cómic seu, pero é dos que non falla: ano tras ano está sempre con material novo no Autobán. Leva moito tempo debuxando e dedicándose ao cómic e a ilustración. Ten un talento enorme.
—Con este premio perseguían varias metas.
—O primeiro era premiar e así facer máis visible unha publicación e aos seus autores. Pero a longo prazo había dous obxectivos máis. Por un lado, facer unha exposición cos fanzines publicados nese ano. Así que, ademais do premiado, todos os traballos presentados expoñeranse en Palexco no Viñetas desde o Atlántico. E a outra cousa que queríamos facer é crear unha fanzinoteca, é dicir, un arquivo de todas estas publicacións que sempre son difíciles de catalogar e ordenar, porque son publicacións sen depósito legal nin ISBN, sen ano de edición, de tiradas moi curtas... Para iso chegamos a un acordo coa Biblioteca de Estudios Locais, que vai ocuparse da catalogación das obras e de facilitalas ao público.