A Deputación impulsará unha rede de acollida no rural para mulleres vítimas de violencia
A CORUÑA
González Formoso reivindica a importancia da poboación feminina como «motor do cambio do mundo rural»
23 nov 2024 . Actualizado a las 21:42 h.Máis de catrocentas mulleres de pequenos municipios da provincia encheron este sábado o mosteiro de Sobrado no acto organizado pola Deputación da Coruña e a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur-Galicia) polo Día Internacional das Mulleres Rurais.
A xornada, que este ano se enmarca na conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero (25N) puxo o foco nas desigualdades e na problemática específica da violencia contra as mulleres no rural galego, así como na importancia de ofrecer mellores servizos e oportunidades reais de desenvolvemento para conseguir «un rural máis próspero, máis feminino e máis feminista». «Un rural mellor para un país mellor no que as mulleres son o motor do cambio». Así o afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que inaugurou o acto xunto ao o alcalde de Sobrado, Lisardo Santos; o prior do mosteiro, Carlos Gutiérrez; o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e da presidenta de Fademur-Galicia, Verónica Marcos.
Formoso fixo tamén fincapé na «problemática específica» que, con respecto á violencia machista, sofren as mulleres no rural. Destacou que case o 40 % das que foron asasinadas en España neste 2024 polas súas parellas ou exparellas vivían en municipios de menos de 20.000 habitantes, un dato que supera o 50 % no caso de Galicia, e incidiu «nas maiores dificultades para denunciar ou para acceder aos servizos especializados de axuda». Ante esta «terrible realidade», Valentín González Formoso destacou que é preciso «traballar para cambiar as cousas» e «dotar ao rural de recursos axeitados para acabar coa violencia machista». Neste sentido, anunciou que, coa colaboración de Fademur, a Deputación impulsará unha rede de acollida para mulleres vítimas de violencia machista nos concellos rurais, similar á que xa existe no entorno metropolitano das grandes cidades e que conta co soporte económico da institución provincial.
Enquisa
Pola súa banda, a presidenta de Fademur Galicia, Verónica Marcos, lembrou que o vindeiro decembro cumpriranse vinte anos da publicación da Lei orgánica de medidas de protección integral contra a violencia machista, «que supuxo un antes e un despois», pero considerou que «aínda queda moito por avanzar» na erradicación desta lacra. Incidiu tamén na necesidade de «políticas específicas para o medio rural neste ámbito» e debullou os datos da enquisa anónima realizada pola entidade, na que se revela que 6 de cada 10 mulleres do rural coñecían un caso de violencia machista no seu entorno.
«Casos invisibles que non saen á luz e que probablemente todo o seu entorno coñeza desde hai anos, porque as mulleres do rural permanecen unha media de vinte anos co seu agresor», afirmou Marcos, que considerou que «as redes que tecen as asociacións de mulleres son esenciais nesa loita». Como cada ano, durante o acto realizouse tamén un recoñecemento a mulleres, entidades e empresas do mundo rural que destacan polo seu compromiso coa igualdade no mundo rural e a súa aposta pola cultura, a innovación ou a posta en valor dos produtos autóctonos. Este ano foron para Helena Villar Janeiro (pola a súa achega ao mundo da lingua, cultura e comunicación), Sandra Alvite (polo seu labor como artesá que impulsou a recuperación dos traballos en palla trenzada), Mónica Penas (polo seu compromiso co sector primario dende a súa granxa) e Taciana Díaz (xornalista comprometida coa igualdade e o medio rural).