A Deputación da Coruña prepara unha homenaxe á Trini Falcés, coruñesa trans defensora dos dereitos do colectivo

La Voz A CORUÑA

A CORUÑA

Fito Ferreiro, Soledad Agra e Sergio Marey.
Fito Ferreiro, Soledad Agra e Sergio Marey. atr

O 10 de xaneiro se inaugurua a exposición Relembrando a Trini, ademáis de varias charlas sobre a súa figura e a presentación dun libro

26 dic 2024 . Actualizado a las 14:03 h.

A área de igualdade da Deputación, liderada pola deputada Soledad Agra, presentou este xoves a exposición Relembrando a Trini que se inaugurará o 10 de xaneiro ás 19.00 horas na biblioteca municipal Durán Loriga. A deputada, acompañada do comisario da mostra, Sergio Marey e o representante da asociación Palestra, Fito Ferreiro, foron os encargados de explicar a iniciativa, que abordará a historia de Trinidad Falcés, muller trans, nada na Coruña e grande activista polos dereitos do colectivo.

O día da inauguración tamén se presentará o libro sobre a figura de Trinidad Falcés É mellor loitar que morrer de fame, escrito por Sergio Marey e, ademais, haberá  dúas charlas: Situación trans onte, hoxe e mañá, da activista trans Laura Bugallo; e Cuiruña e a importancia da literatura cuir, de Diego Maseda, coordinador do club de lectura cuir da Rede de Bibliotecas da Coruña.

A exposición, que se poderá visitar ata o día 20 de xaneiro, complementarase con dúas charlas en dous concellos da provincia, impartidas por Sergio Marey e Fito Ferreiro, que repasarán a vida de Trinidad Falcés, que foi presa nun campo de concentración pola súa realidade como persoa cuir, e estivo presente na primeira marcha LGBT do estado español, que se celebrou en 1977 en Barcelona, cidade na que residiu durante 30 anos. En 2019 recibiu o premio Marcela e Elisa que concede a asociación ALAS, e faleceu na Coruña en agosto de 2022.

A deputada explicou o obxectivo da iniciativa: «Queremos dar a coñecer a historia de Trini, recuperar as súas vivencias, relembrala para que fique con nós por sempre». Soledad Agra apuntou que «Trinidad participou no noso congreso de memoria diversa onde poñemos en valor todo o traballo e a loita do colectivo e, xustamente, escribiu a súa historia nunha publicación do congreso. Esta publicación foi unha das fontes da exposición que inauguraremos o día 10». Agra engadiu que «o colectivo LGBTIQ+ está cheo de grandes referentes tamén no noso país, e recuperar a Trini é recuperar a memoria de moitas persoas que viviron situacións de precariedade por ser e por sentir diferente do establecido na normalidade heterosexual. A responsabilidade como administración pública é darlle voz e memoria a esas persoas, e contribuír a crear unha realidade máis xusta».

Pola súa parte, o comisario da exposición, Sergio Marey, agradeceu á Deputación o apoio. «Para min é unha honra facer este proxecto e recuperar a Trini», sinalou. Un dos piares é o libro, «co que intentei aglutinar a vida de Trini, complexa, unha continua expulsada. Trátase dun entramado de historias que nos permiten construíla e entendela». E, o outro, a exposición, «que recolle todo o arquivo que temos dela: fotos, recortes de periódico, vídeos...».

Fito Ferreiro, da asociación Palestra e compañeiro de Trini, expresou que «era unha sobrevivente, que sobrevivía constantemente e tiña a capacidade de buscar solucións a grandes problemas». Tamén se referiu á situación de precariedade na que viven «máis  do 70 % das persoas maiores LGBTI» e á necesidade de «lembrar e recordar a esas persoas que loitaron, pois son moitos os referentes que temos en Galiza. Temos que lembrar a Trini».