Rocío Rodríguez Padín: «Polas mañás saio na televisión e polas tardes investigo na Universidade»

Loreto Silvoso
Loreto silvoso A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Rocío Rodríguez Padín, profesora na UDC e presentadora da TVG
Rocío Rodríguez Padín, profesora na UDC e presentadora da TVG

Sacou a carreira de Administración de Empresas mentres presentaba «Luar»

12 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten o don da palabra. O seu é a comunicación en todos os sentidos. Tanto para transmitir coñecemento como para entreter ao público que a rodea. Rocío Rodríguez Padín (Meaño, 1995) ía para médico aínda que o seu soño sempre foi ser profesora de Universidade. Hoxe ten tres carreiras, seis másteres e un posgrao, imparte clases de Didáctica da Matemática na Facultade de Ciencias da Educación da UDC e polas mañás presenta O Termómetro na Galega. Sacou Administración e Dirección de Empresas mentres presentaba Luar. Unha crac que racha con todos os estereotipos.

—Presentadora de televisión e profesora universitaria. Que a levou a combinar estes dous mundos?

—Considero que ambas profesións van moi da man, porque sempre estamos a falar cara á xente. Tanto na educación como na televisión hai que comunicar unha información a todas as persoas que estean escoitando, sexan alumnos ou espectadores.

—Que foi primeiro, o mundo audiovisual ou a docencia?

—Primeiro foi o audiovisual. Empecei na tele aos 18 anos, dende moi noviña, no programa Luar. Ao mesmo tempo estudei Administración e Dirección de Empresas (ADE). Estiven anos aí ata que decidín adicarme á docencia, algo que sempre quixen facer pero nunca me puxera a intentalo.

—E aí decide compaxinalo.

—Sempre foi unha cousa coa outra. Teño claro que, mentres poida e haxa tempo, voume seguir formando. Encántame estudar e coñecer cousas novas. De feito, agora eu teño tres carreiras, seis másteres, un posgrao... A ver, son apaixonada de estudar.

—Xa vexo!

—Se entro aí, vouna aburrir! [ri] Traballar en Luar me permitía ter esa liberdade e ese tempo para min, así que empecei polo máster de secundaria. A partir de aí, me plantexei dar clases na Universidade, para formar aos docentes que van a formar aos novos alumnos. Fixen a carreira de Maxisterio e a de Música.

—A súa meta era ser docente?

—En realidade, ese era un soño que sempre tiven e nunca me atrevín a ir a por el. É máis, eu quería ser profe de matemáticas na Universidade, especificamente. Víao como algo tan inalcanzable que non me atrevía a tentalo por medo a fracasar. Ata que chega ese momento en que estou presentando Luar e considerei que debía empezar a perseguir ese soño. E alá que fun! Saíu unha praza na Universidade da Coruña, en Didáctica das Matemáticas, e díxenme: «Esta é a miña!». Presenteime ao concurso de méritos e gañei. Hoxe eu ensino a ensinar matemáticas.

—Hai moito que rascar aí...

—Case todo o mundo as odia porque se levan ensinando mal toda a vida. Dende a Universidade tratamos de achegalas dunha forma máis amable. Ao final aí o que precisas é o don da palabra.

—Co que triunfa na tele.

—Agora estou traballando en O Termómetro, o programa das mañás na Televisión de Galicia.

—Como inflúe a súa experiencia como profesora?

—Polas mañás saio na televisión e polas tardes investigo na Universidade. Tamén dou clase e estou preparando a miña tese, que é ambiciosa, centrada na didáctica das matemáticas e na psicomotricidade. E as fins de semana presento galas, que me parece moi bonito!

—Non sei de onde saca o tempo.

—Gústame traballar baixo presión. Xa dende moi nova, cando estudaba no Conservatorio, facía dous cursos por ano.

—Cal das súas facetas fai sentir mais orgullosos aos seus pais?

—Eles o único que queren é que sexa feliz. Pásoo bomba con todo o que fago, sexa na televisión ou na Universidade.

«Na clase non son a mesma que na tele, pero tento ser unha profe dinámica»

«No mundo televisivo son Rocío Padín a secas e no mundo académico levamos guión, así que son Rocío Rodríguez Padín», explica a presentadora e profe da UDC.

—Como ensina vostede as matemáticas na UDC?

—Con material manipulativo e de forma vivencial. Ti lle preguntas aos meus alumnos que é o que veñen facer á miña clase e dinche que «a xogar».

—Como levan que vostede sexa presentadora de televisión?

—Quérelles soa-la cara [ri]. Dende o primeiro día de clase xa saben quen anda por aí. Non me din abertamente que son a mesma que na tele, pero si tento ser igual de dinámica e trato de que as miñas clases sexan moi participativas. Preocúpome de que estean moi atentos.

—Válenlle os recursos do plató?

—Claro! Por exemplo, eu nunca me sento nas clases. Non concibo dar unha clase sentada.

—Racha cos estereotipos.

—Eu que sei, a min a docencia encántame e o mundo da tele encántame tamén.

—E se tivera que elixir un?

—Non sabería cal elixir. Apórtanme tanto ambos mundos, que non podería decidirme.

—Canto esforzo hai detrás?

—Moito, pero paga a pena. Eu levántome ás seis, entro na tele ás sete, saio, entro no meu despacho e ao mellor estou ata as once e media da noite co ordenador traballando e non che minto. Esa é a miña realidade. É que claro, nós somos docentes e investigadores. Se non investigas, tampouco podes continuar na Universidade. Ou te pos as pilas dende que entras ou o tes complicado. Ao final estás coa materia, dirixindo traballos de fin de grao, traballos de fin de máster, estás con investigacións, estás coa tese, estás con publicacións, estás preparando conferencias que vas dar non sei onde...