Convivindo co xabaril

Santiago Vázquez Casás

A CORUÑA

ANGEL MANSO

Esta especie pode desprazarse ata 100 quilómetros en liña recta na procura de alimento

15 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo do accidente acontecido na AP-9, aporto algunhas ideas para contextualizar o por que a convivencia cada día é mais complexa. O xabaril (Sus scrofa) é unha especie amplamente distribuída por Europa continental, Asia e mesmo o noroeste de África.

É nativa de terras galegas, se ben a súa abundancia foi mudando ao longo dos últimos séculos: era considerado «escaso» e «recluído ás montañas» ata a metade do século XX, experimentando desde entón unha notable expansión territorial e aumento numérico.

Varias publicacións confirman que o xabaril ten no noroeste ibérico (incluíndo Galicia) unha densidade media a nivel europeo, onde as comarcas da Ferrolterra, Ortegal e Eume son das áreas con maior presenza da especie na nosa terra.

As plantacións de eucalipto na Galicia atlántica son un refuxio diúrno moi frecuentado polo xabaril, se ben alí apenas atopa alimento. As incursións nocturnas desde estes arboredos alóctonos cara a cultivos próximos son moi recorrentes e facilita o seu tránsito polas estradas.

Os movementos do xabaril poden ser importantes: en caso de necesidade, estes mamíferos son quen de se mover ata 100 quilómetros en liña recta na procura de alimento ao longo de varias xornadas. En hábitats produtivos, con suficiente alimento, os movementos son moito menores.

A intensidade da caza desta especie é moi variable no tempo e no espazo, e non é sempre efectiva para o seu control numérico.

Unha solución para garantir a convivencia do ser humano co xabaril é fomentar o mantemento e creación de masas arbóreas caducifolias diversas, onde o xabaril poda atopar comida suficiente sen necesidade de realizar os devanditos desprazamentos na procura de alimento.

Santiago Vázquez Casás é vicepresidente do Grupo Naturalista Hábitat