
Ex alcalde durante 20 anos, foi o artífice do centro de saúde e o CEIP San Marcos
20 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O pasamento dun veciño é sempre un motivo de tristura, pero cando se trata dun que deixou unha pegada no municipio, o pesar é aínda maior. Onte coñeciamos a triste noticia de que Miguel Patiño Vázquez, quen fora alcalde de Abegondo durante máis de vinte anos, faleceu á idade de 88.
Un home consagrado á vida política e ao servizo público de cuxo legado aínda se benefician, hoxe en día, os veciños e veciñas de Abegondo. Estando el de rexedor, construíronse tanto o actual centro de saúde do municipio como o instituto de Viós e o CEIP San Marcos, polos que tantas xeracións de abegondeses e abegondesas pasaron xa.
Máis aló de ideoloxías e de siglas políticas, tres décadas despois de deixar a alldía, o seu labor segue a ser digno de recoñecemento.
Miguel Patiño Vázquez era un home afable e moi querido entre a cidadanía. Tanto, que os cidadáns e cidadás depositaron a súa confianza nel en varios procesos electorais.
Foi un alcalde que tivo que adaptarse aos tempos, que foron cambiantes en moi poucos anos. Ostentou o bastón de mando en plena ditadura, pero tamén na transición, ata o seu último ano na alcaldía no 1991.
Moita forza e ánimo para os seus familiares e amizades.
Que a terra lle sexa leve.
---
Os restos mortais de Miguel Patiño recibirán sepultura hoxe no cemiterio de Santa María de Presedo a partir das 12.00 horas. A misa de ánimas celebrarase o 2 de abril ás 19.00 horas na mesma igrexa.