Acaba de publicar «Camariñas meu curruncho, Beldoña miña barca»
14 abr 2024 . Actualizado a las 04:14 h.Antonio Puertas Lema (Camariñas, 1943) ven de publicar Camariñas meu curruncho, Beldoña miña barca, co que rende homenaxe en 470 páxinas a súa ansia por comunicar os vencellos que ten coa terra que o viu nacer e coa que o acolleu. Xa presentou a obra na Mostra do Encaixe e na Coruña e no verán farao no encoro de Beche.
—Como foi o cambio de Camariñas a Abegondo?
—O meu pai traballaba no xulgado e tíñamos que ir con el a onde fora. Estivemos en Camariñas, en Carnota, pero como facía un frío que pelaba pediu traslado e déronlle Abegondo. Sorte que tivemos! Carnota era un pobo amable, pero collemos dous invernos que metían medo.
—Sigue en Abegondo?
—Agora vivo na Coruña, pero vimos regularmente a Beldoña a coidar a miña sogra, de 93 anos. Abegondo é unha terra moi bonita e acolledora e temos finca para rachar o lombo día e noite. Durante a pandemia fixen un estanque impresionante e sempre ando enredando. No verán imos a Camariñas e pasamos alí varios meses.
—Como chegou a escritura?
—Empezara no seminario. Estiven cinco anos no de Belvís, pero unha rapaza díxome que había que deixar as saias e cambiei...
—Pero quixo ser sacerdote?
—Eu tiven un antepasado arcebispo que deixara dúas becas, unha en Santiago e outra en Palencia, e grazas a iso estudamos o meu pai, varios tíos e máis eu. No tempo que eu estudei aínda era bastante axuda. Despois fixen a mili en Ferrol, a min gustábame o mar, pero o meu pai quixo que acabara o bacharelato superior e metinme a Maxisterio. Eu era de letras, unha profesora que tiven na Normal dixérame que tiña que facer Xornalismo, porque redactaba bastante ben, pero a vida levoume por outro lado, para a banca. Fixen unha oposición e entrei na Banca Central (agora Santander) e estiven de director en cinco oficinas distintas todas na contorna da Coruña.
—Comezara a escribir antes da xubilación?
—A literatura sempre me gustou. No seminario xa empezara a facer poesías, pero o traballo do banco absorbeume totalmente e non podía dedicarme a iso. Unha vez xubilado foi cando me puxen, porque me gusta moito. Eu non escribo para grandes intelectuais, senón para o pobo. Pode que teña algún erro, pero escribo coa alma, co corazón. Eses que presumen de ser tan intelectuais, teñen os seus fallos, ninguén é perfecto.
—Que incluíu no libro?
—A miña ilusión era deixar unha memoria para o día de mañá. Vai de todo, poemas, contos fantasiosos e outros baseados en feitos reais. A obra está moi ben, non quero gabarme, refírome a que é un libro completo. Publicacións Arenas editouno moi ben. Eu non quero gañar cartos con el, o que quero é cumprir o desexo do meu mestre don Pedro, en Camariñas, que dicía que se queríamos facer unha cousa importante na vida había que facer tres: plantar unha árbore, ter un fillo e escribir un libro. Eu agora, ao final da obra, volvo a iso.
—Entendo que a árbore xa a plantou, e ten fillos?
—Catro, e cinco netos, e xa podo morrer tranquilo.