O narcosubmarino reconvertido en buque espía no Atlético Arteixo-Arousa

ARTEIXO

O club coruñés anuncia o seu próximo compromiso de Liga co seu escudo estampado no navío afundido en Vilaxoán, na última mostra da súa aposta por mesturar nos seus carteis actualidade e humor para atraer público aos seus partidos

22 mar 2023 . Actualizado a las 21:35 h.

«Espiar o rival fóisenos das mans». Con esta frase encabeza o Atlético Arteixo o cartel anunciador do próximo partido de Liga de Terceira R.F.E.F. que este domingo, desde as doce da mañá no campo de Ponte dos Brozos, o medirá o segundo clasificado da competición, o Arousa. A frase cobra todo o seu sentido vendo o que se ve debaixo dela. Apuntando ao ceo, coa cabeza dun buzo asomando a ras da auga coa mirada cara a terra, a proa do narcosubmarino que un mariñeiro descubría medio afundido en vertical a unha milla escasa do porto de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) a semana pasada. Estampado no navío, o escudo do club coruñés e as palabras Departamento de Escoutin substituíndo a Poseidón, o nome co que os donos do cargamento descargado ou os seus tripulantes decidiron bautizar a segunda embarcación da súa clase atopada en augas galegas. 

«É máis coña ca outra cousa. Tratamos de poñer sempre unha nota de humor nos carteis dos nosos partidos na casa. Pero facémolo sempre desde o respecto ao rival e a quenes aparecen nos carteis». O que fala é Josito Fuentes. Director deportivo do Atlético Arteixo é, xunto a deseñadora gráfica Rebeca Facal, o responsable da xestión das redes sociais da entidade coruñesa. Unhas redes sociais ás que, di, lle dan moita importancia, e nas que seguen a estela do que fan os seus homólogos no Leganés: «Fainos graza o que publican os pepineros, e como fan moitos carteis así, hai un par de anos decidimos que nós tamén iamos usalos» como reclamo para aumentar a asistencia aos partidos en Ponte dos Brozos.

Volver, unha das películas máis premiadas da filmografía de Pedro Almodóvar, foi o gancho do primeiro cartel creativo do Atlético Arteixo, para un partido fronte ao Sofán, rival do que había non moito se fichara a un par de xogadores e de técnicos. Tras iniciarse tamén no uso creativo dos vídeos, como cando anunciaron a incorporación dun futbolista na perruquería da nai deste, os responsables das redes sociais do club arteixán continuaron botando man dunha fórmula que, vista a súa reiteración, non lles funciona mal. «Sempre tiramos de humor pegado á actualidade». Como cando na xornada 14 recorreron ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, e as luces de Nadal da cidade olívica para anunciar a visita do Rápido de Bouzas. Ou un mes despois, na xornada 17, no cartel do duelo co Silva, tirando do fenómeno do momento, con Shakira no estudo de gravación enfundada na camisola do Atlético Arteixo baixo unha frase tan dificilmente interpretable como a destinada pola colombiana á súa exparella: «Evitar prender na silva pa’ non ir a pique». 

Co cartel do Arousa os creativos coruñeses mesmo pensaron en ir un pouco máis aló, e colocar a cara do seu adestrador, Juan Riveiro, na do buzo a carón do submarino. «Pero ao final dixemos que non procedía, porque igual era demasiado cómico e ao mellor non lle facía moita graza ao noso míster», desvela Fuentes. E iso que, dúas temporadas atrás, nos inicios da súa entrega a tan peculiar xénero da ilustración deportiva, os responsables das redes sociais do Atlético Arteixo tiraran da figura do adestrador, daquela Miguel Figueira, vestido cunha túnica a modo de Xesucristo para animar a súa afección a apoiar o equipo na carreira polo ascenso á Terceira fronte ao Betanzos no Domingo de Resurrección. E, recorda o director deportivo arteixán: «A todo o mundo lle fixo moita graza».

E que lle parece ao rival do Arteixo a súa última creación? Pois no seno do Arousa, ao contrario do que semella estar sucedendo na rede desde que o club coruñés subiu o cartel a última hora da tarde do martes, non tería moito eco. «Supoño que é sen mala intención. A nós o que nos preocupa é o tema deportivo», di o presidente do club, Manolo Abalo. «Vímolo, pero nin lle dimos importancia», conta Cotilla, un dos capitáns do equipo vilagarcián, da reacción dos seus xogadores. Con todo, compartido desde o mediodía deste mércores nas redes sociais do Arousa, ben parece que o cartel arteixán acertou de pleno. Por que, quen non agradece neste tempos unha pequena dose de humor?