estrañarei a Arsenio sempre. Hoxe, aínda máis. O fútbol é orde e talento, amigos. Orde e talento. O de Arteixo contaba con algún xogador talentoso, pero se chegaron ao máis alto da táboa (e fóra dela) foi porque todos se uniron á máxima da orde.
O domingo o Dépor xogábase moito. A cidade enteira empuxaba o balón no campo a centos de quilómetros. É un equipo que xoga no fío da agonía. Levamos décadas sabéndoo. Pero o noso Dépor non é o que vimos. A afección pode perdoar todos os erros, as cantadas, os nervios e ata os medos. Pero unha agresión coma a do noso porteiro, gratuitamente... non debera pasarse por alto.
O fútbol é un deporte, xógase nun campo, pero de batalla limpa. Por iso o árbitro ditaminou a pena máxima, o penalti, facendo que todos os deportivistas agonizasen de novo.
Debiámoslle o ascenso a Arsenio. Estou convencida de que as riadas de xente movéndose polas rúas da cidade para ir ao estadio son herdanza del. Poñen a carne de galiña, gústeche o fútbol ou non. Tamén temos a débeda con Lucas Pérez, que quixo volver a casa e levantar o equipo. Estou convencida de que ningún dos dous quixera ofrecer esta imaxe. Non denota talento, pero menos aínda orde.
Todos podemos perder os nervios nunha situación tensa coma ese partido, pero eu pídolles que na próxima tempada, por favor, traballen o da orde e o xogo limpo. Sería marabilloso trasladar estes valores aos pequenos e pequenas que son os seus seareiros.
Estaría moi ben ascender. Pero é máis importante ser exemplo.