«O semáforo é un logro tras sete meses de manifestacións»

Dolores Vázquez BERGONDO / LA VOZ

BERGONDO

cesar delgado

Os veciños que se concentraron semanalmente cren que será a solución aos atropelos

08 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Teresa Illobre (Bergondo, 1951) foi a voceira do descontento veciñal en Guísamo ante o problema de inseguridade vial neste núcleo atravesado pola N-VI. Ela, xunto a uns grupo de veciños manifestáronse todos os mércores desde novembro reclamando un semáforo, do que xa se instalaron as bases hai quince días e só queda colocar o poste e as luces.

-As súas protestas comezaron tras uns atropelos.

-Si, despois de producirse dous atropelos nun mesmo día. Esa noite decidimos que algo había que facer porque ían moitos accidentes e aquí necesitabamos semáforos.

-Os cortes demostrouse que foron efectivos.

-Non nos contestaron nada ata que veu unha deputada do PP, Tristana Moraleja, e dixo que o ía a expoñer, e a partir de aí saíu o proxecto de poñer un semáforo.

-O paso de peóns é insuficiente?

-É imposible porque o tráfico é incrible, e os coches non paran. O grave problema é que non se respecta o límite de velocidade, as bandas rugosas son un auténtico desastre, nalgúns puntos están soltas e cada dous o tres días hai que repoñelas porque hai moito tráfico de camións.

-Co semáforo cren que quedará o problema resolto?

-Ao vir da zona do Espíritu Santo verase dende lonxe, é certo que agora tamén se tería que ver o sinal de limitado a 50 quilómetros por hora, pero... Abaixo, xunto ao Chiquitero, hai un e funciona ben, e iso que como é de pulsar cámbiache sen darche tempo a nada, pero aínda así da máis seguridade.

-Que máis demandaban?

-Nós pedimos que se regule todo o tramo, pedimos seguridade porque é tremendo. Tamén houbo escritos que pediron retirar as bandas porque hai veciños que din que non poden durmir. Para nós sería a solución outro tipo, que son máis grosas, obríganche a frear, pero non pasa a roda por riba, pero non sabemos como vai quedar.

-Pero anunciáronlles o do semáforo, polo menos.

-Deixaron de dar permisos para cortalo tráfico na Subdelegación do Goberno porque Fomento anunciou que poñía o semáforo, pero a nós non nos avisaron de nada.

-Consideran un logro conseguilo.

-É un logro, porque nunca se logrou nada pedido polos veciños. Como non o imos considerar así despois de sete meses aquí? Foron moitos días de frío, pero tamén de sol que aplanaba. Foi tremendo.

-Hai quen criticou a protesta dicindo que estaba politizada.

-Non podo falar polos demais, pero eu non son afín a ningún partido político. Só podemos falar de quen nos apoiou, e só o fixo ao comezo o PP, un pouco, e desde o primeiro día, quen foi a Subdelegación a pedilos permisos e se concentrou con nós foi Manuel Fafián, de Veciños de Bergondo. Non queremos politizalo para nada, os logros son dos veciños de Guísamo que se manifestaron.