A memoria de Plácido Betanzos quedou perpetuada en Palmeira

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BETANZOS

O paseo marítimo da parroquia ribeirense foi bautizado co nome do escritor e mestre

03 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa pasou un ano desde que Plácido Betanzos marchou, pero en Ribeira sempre seguirá presente na memoria dos seus alumnos, familiares, amigos e veciños, e agora tamén no paseo marítimo de Palmeira. Ese lugar especial no que pasou tantas e tantas horas e desde o que agora vixía que todo o seu legado siga vivo.

Non faltaron as bágoas, as emocións e os sentimentos a flor de pel, porque todo aquel que coñecía a Plácido Betanzos non pode esquecerse do seu sorriso, dos seus abrazos eternos e de todos os valores que intentou inculcar, xa fose nas aulas, na súa etapa como político ou como un simple veciño de Ribeira. Onte o seu municipio natal saldou a débeda que tiña pendente con este home «bo e xeneroso», que xa dá nome ao paseo marítimo de Palmeira, ese recuncho «que era o teu lugar favorito do mundo», como quixo lembrar a súa filla Sofía.

A homenaxe coincidiu xusto co primeiro aniversario do seu pasamento, e esa data estivo moi presente en todo o acto, que comezou co himno do Antigo Reino de Galicia interpretado polo grupo Andavía, para logo dar paso á intervención de Unai González, que fixo de mestre de cerimonias. Agradeceu o apoio da corporación de Ribeira polo acordo plenario que permitiu dar o nome do profesor a este paseo, así como o respaldo de máis de cincuenta entidades que arrouparon o labor da Comisión de Homenaxe a Plácido Betanzos, «e que se sumaron a este proxecto para que a súa figura e memoria quedase perpetuada na súa vila de Palmeira. Este non é só un acto institucional, senón de xustiza a un mestre, a un político, a un escritor que se dedicaba a repartir agarimo e comprensión e a falar con todos os que se atopaba».

A faceta literaria de Betanzos tamén estivo moi presente acto a través das voces de Ana Alvite, alumna do instituto Leliadoura onde daba clase o finado, e que leu un anaco do seu libro Bágoas na chuvia, mentres que o seu compañeiro e amigo Xesús Laíño optou por un extracto de Paravea no inferno, e o escritor Antonio Piñeiro elixiu uns parágrafos de Coiteladas na alma.

Grandes homes

Foi a súa curmá e voceira da Comisión de Homenaxe a Plácido Betanzos, Carmen García, a encargada de lembrar a figura do homenaxeado, enumerando as miles de historias vividas xuntos, para logo recordar «ese último ano, no que alongabamos as sobremesas co obxectivo de tentar parar o tempo». Definiuno como un gran home, leal, cunhas convicións profundas e que deixou unha fonda pegada en todo aquel que o coñeceu. Tamén falou de todas as grandes leccións que intentou inculcar, e por iso pediu que «a súa memoria perpetúe eses valores que nos deixou e que sirvan de inspiración ás novas xeracións».

As palabras de agradecemento de García foron retomadas por Sofía Betanzos, que sinalou que «con esta homenaxe se corrobora que o cariño que repartía era recíproco». Non se esqueceu da paixón de seu pai por repartir abrazos, e acabou lembrando unha das súas frases máis repetidas: «Estou ben, camarada».

O alcalde en funcións, Manuel Ruiz, foi o encargado de pechar as intervencións, cun emotivo discurso no que recuperou todos os anos vividos xunto a Betanzos, a quen, a pesar de ser un adversario político, considerou un gran amigo. «Sempre dicía que era doado entenderse se deixamos atrás as liortas persoais», apuntou o rexedor, que acabou dicindo: «Plácido non vai morrer se nós non o deixamos morrer e loitamos polos valores que defendeu».

Escoitando as notas do himno de Galicia, e con todo o público presente posto en pé, a filla e maila muller de Betanzos, Maricarmen Neira, descubriron a placa dedicada ao mestre, político e escritor, para fundirse logo nun emotivo abrazo, coma eses que sempre daba o homenaxeado.