Pedro Lamas: «Imos facer algo histórico coa Misa de gaita en Betanzos»

Dolores Vázquez A CORUÑA

BETANZOS

Cedida

Recupera o 12 de abril no Ciclo de Música Sacra de Betanzos un repertorio habitual no rural de finais do século XIX

11 abr 2022 . Actualizado a las 11:29 h.

Pedro Lamas recoñécese como un «curioso incansable» e é o promotor de recuperar a Misa de gaita, unha tradición no rural que se perdeu e que se poderá escoitar o 12 de abril no Ciclo de Música Sacra dentro da programación da Semana Santa de Betanzos.

—Como chega a esta proposta?

—Rondábame na cabeza hai moito tempo. Esta era unha desas cousas que quedou no esquecemento, pero do que hai repertorio escrito recollido polo gaiteiro Perfecto Feijoo, un estudoso da música galega que quería levar o folclore aos escenario, e tiña un manuscrito dunha Misa de gaita, que era popular no rural do norte da península a finais do século XIX, porque non tiñan organista e contaban cun gaiteiro para guiar aos fregueses e facer a música que faría o coro. Dábase unha característica especial, collía a tradición culta do canto eclesiástico, que ven do gregoriano, pero interpretando no rural nunha misa en latín. En Asturias aínda se conserva viva, pero en Galicia non, e pensei que tiñamos unha débeda pendente.

—Cando se escoitaba?

—O día da festa do patrón e, probable, xa que o culto era máis fervoroso que hoxe, que fose para días sinalados, nas festividades litúrxicas por excelencia para destacalas.

—Cando desapareceu?

—Co Concilio Vaticano II, co uso das linguas vernáculas no oficio relixioso e substituírse o latín. Aínda hai quen se acorda delas nos anos 50, como o cura da Lavacolla, Manuel Botana, que me asesorou a nivel fonético, porque non é igual o latín que se fala no instituto agora co que se falaba en España naquel momento, que tiña un rexistro propio.

—Como será a súa proposta?

—Reproduciremos ese contexto, creei un coro de xente formada hoxe en día no campo da música tradicional. Imos somerxer a xente no tempo, nunha misa como se estiveran a finais do século XIX, principios do XX, nas aldeas. O coro son 19 persoas, 10 homes e 9 mulleres, máis unha directora, eu coa gaita, e un compañeiro co tambor. Case é unha hora de concerto, no seu contexto orixinal, nunha igrexa, a de Santiago.

—Como non se recuperou antes?

—Perfecto Feijoo pedira ao Bispado facer esa misa, e recolleuse o seu requirimento, pero decidiron que non era oportuno, porque tiñan medo de que moita xente se pronunciase no mesmo sentido de demandar esas misas. Entendían que se facían no rural porque non tiñan outra alternativa. A min o que me parece interesante é esa hibridación entre a música culta e a popular, nunha experiencia que se torna máis valiosa co paso do tempo.

—Vaise estrear en Betanzos.

—Son mestre da Escola de Música de Betanzos, fago moitos concertos didácticos, e o párroco Santiago Pérez é un asiduo. Pediume se había algo que relacionara a música popular coa Igrexa, e comenteille o do repertorio da Misa de gaita. Fíxome o convite de presentala no Ciclo de Música Sacra. Pareceume importantísimo a recompilación dun fenómeno no que se toca a gaita na igrexa. Non estamos facendo algo contemporáneo, senón algo que xa sucedía no século XIX e con anterioridade.

—E vai quedar niso?

—Foi unha casualidade, pero imos facer algo histórico. É unha programación que esperta curiosidade. Xa temos previsto outro concerto en Pontevedra e a miña intención é gravalo en directo.