O ouro

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BETANZOS

«O ouro segue a exercer hoxe a fascinación que sentían por el os tataravós»

11 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Os audios de Jácome tiveron un inesperado contrincante: a primicia ofrecida por este xornal do achado dun torque da Idade do Ferro nunha leira de Betanzos mentres unha familia pasaba o tractor.

Estiveron aí aí o alcalde ourensán e a xoia galaica en número de comentarios e engagement nas redes sociais. O que non agardaba é que os dous xerasen o mesmo tipo de conversa posterior: os cartos.

A nova foi recibida de xeito extraordinario nos círculos arqueolóxicos galegos e internacionais, e o trebón de comentarios locais non tardou en aparecer. Moitos dubidaban entre insultar á Xunta así en xeral ou especular con canto se lle ía pagar á familia afortunada.

Había momentos nos que a conversa non se distinguía da dos premiados da lotaría de Nadal ou sobre os comisionistas e conseguidores tan de moda nestes días.

Non tardei en decatarme de que ese entusiasmo inusitado pola protohistoria galega estaba guiado polo ouro. Xa a noticia en si mesma, cos seus labregos abraiados, parecía publicada pola revista Nós en 1920.

Con tanta xente botando contas, cobizosas e bastante erradas, sobre o seu valor, o ambiente pasaba por ser o dunha convención internacional de fans do Ciprianillo.

O ouro segue a exercer hoxe a fascinación que sentían por el os tataravós. Se no canto desa xoia tivera aparecido o Auténtico Cráneo de Breogán pasaría sen pena nin gloria. Téñolles que comentar aos meus amigos arqueólogos que comecen a levar ás escavacións un spray dourado dos que se empregan en entroido.