Iván Quintáns Lodeiro: «A tortilla non deixa de ser patacas, ovos e sal, o segredo é o cariño»

D. Vázquez BETANZOS / LA VOZ

BETANZOS

Pablo Portabales

Di que «en case todos os locais de Betanzos fanse moi ricas»

14 oct 2024 . Actualizado a las 16:26 h.

A tortilla de Iván Quintáns Lodeiro (Cee, 1983) quedou onte finalista no concurso da Semana da Tortilla de Betanzos. Houbo coincidencia en que era a mellor das cinco que chegaron á final entre o xurado, no que estaba o chef Luis Veira, Állvaro Victoriano, presidente do colectivo de cociñeiros Coruña Cociña, e a chef e formadora Beatriz Sotelo. O cociñeiro de Café de Segundo (avenida Juan García Naveira, 27) recoñece que se pon nervioso neste tipo de competicións e mandou o prato, para que o degustase o xurado, pola súa muller, Sheyla Delgado, mentres el seguía atendendo o bar. Ela foi a primeira en agradecer o recoñecemento dunha proposta municipal que promove o consumo na hostalería local.

—Aproveitou a tarde para ir a pasear, tivo que atender moita xente tras ser o ganador?

—A semana fíxose longa e os nervios foron un pouco complicados. Póñome nervioso e o día fíxose longo.

—Sempre foi cociñeiro?

—Sempre fun camareiro e de aí pasei para a cociña. Estiven por Barcelona, na cociña dun restaurante vasco de pinchos e traballando en hostalería aprendes a facer un pouco de todo, barra, cociña e o que faga falta. Despois acabamos por Betanzos.

—Co café leva máis de seis anos.

—Si, dende o 1 de xullo de 2018. No Café de Segundo traballaba a miña muller e ao xubilarse Segundo collémolo nós.

—Que é o que mellor se lle da?

—Na cociña será a tortilla.

—Cambiou o modo de facela ao chegar a Betanzos?

—Non é que fixera moitas antes. A tortilla estilo Betanzos empecei a facela aquí, non cambiei moito a maneira de facela, pero si vai un pouco máis solta.

—Considera difícil collerlle o toque?

—Non, hai que querer. Non deixa de ser patacas, ovos e sal. Eu uso pataca roxa, uso o aceite que usa todo o mundo...

—Algún mérito terá se gañou a outros 18 negocios.

—Doado non é, as veces tes que ter un pouquiño de man, moitas ganas de facela e facela con moito cariño, que che guste o que estás facendo.

—A súa muller revelou, ao coller o premio, que foi a clientela a que lles animou a presentarse ao certame. O ano pasado xa chegaron á final.

—O ano pasado foi o primeiro que nos presentamos e xa tivemos a sorte de estar na final. Quedamos cuartos, un posto máis que bo. Este ano volvéronme a animar a presentarme e por sorte, porque estaba para min, ou porque era a mellor, gañei. Pero hai moi boas tortillas en Betanzos, en case todos os locais de hostalaría de Betanzos fanse as tortillas moi ricas. Hai moito nivel en Betanzos e xente que cociña moi ben.

—Pero cal é o seu segredo?

—O cariño e as ganas que a túa tortilla guste é o segredo.

—Entende que co premio vai ter que facer moitas máis?

—Mellor para min, non deixamos de ser un negocio e eu encantado de facer as tortillas que teña que facer porque para iso me presentei, para que a xente nos coñeza e proben. Somos un bar pequeniño que estamos no supermercado Gadis e non temos queixa. Sempre temos xente, é un lugar familiar e acolledor. Traballamos de luns a domingo, agás o domingo pola tarde. Estamos feitos uns campeóns! Hai que descansar máis, pero de momento facemos aí.

—Pensa ir para o ano a intentar revalidar o título?

—Pola miña parte si, se chegamos alá presentarémonos.