O Concello de Cambre rehabilitará as instalacións do CEIP Wenceslao Fernández Flórez
CAMBRE
Crearase unha rede de autoconsumo enerxético na cuberta
25 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Cambre presentou dous proxectos que espera executar en ambos centros educativos e que suporán a rehabilitación integral das edificacións e a instalación de redes de autoconsumo enerxético nas súas cubertas.
O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, e o concelleiro de Educación e Sanidade, Miguel Ángel Gutiérrez, mantiveron recentemente unha reunión coas direccións dos colexios Wenceslao Fernández Flórez e O Graxal con este propósito. Para executar estas intervencións, o goberno local solicitou axudas próximas aos 4 millóns de euros na convocatoria do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (Pirep) do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana.
No caso do CEIP Wenceslao Fernández Flórez, as actuacións suporán unha remodelación integral do centro, poñendo o foco en melloras en canto ao illamento, iluminación natural, control solar, accesibilidade e aproveitamento enerxético e hídrico. Un dos elementos máis destacados da obra será a instalación de placas fotovoltaicas que producirán enerxía suficiente para cubrir o autoconsumo do propio centro educativo e de outras dependencias municipais próximas a este, como a Casa Consistorial, o Museo Arqueolóxico, a biblioteca e os pavillóns deportivos.
Ademais, como parte do proxecto proponse a creación dun novo edificio que estará situado entre a escola e as dependencias deportivas. Este servirá para aumentar a superficie útil da que dispón a comunidade educativa e incrementaría os usos do centro. O proxecto municipal inclúe a adaptación de todos os recorridos exteriores e a construción de novos módulos de aseos infantís nas aulas.
As obras completaranse coa dotación dun sistema que permitirá a automatización e o control centralizado das instalacións do edificio, reducindo os custes e o mantemento. O alcalde sinala que a este proxecto hai que sumar o que se presentou previamente para o CEIP O Graxal e o do polideportivo Os Campóns. «A intención é seguir traballando nesta liña, extrapolando este modelo a outras instalacións e dependencias de titularidade municipal do concello», explicou.Tamén destacou que a proposta suporá «a rehabilitación integral destes edificios, elixidos por ser os de maior antigüidade». «Este proxecto supón manter unha aposta decidida pola produción de enerxía renovable e a redución das emisións de dióxido de carbono, dúas liñas mestras no Pacto das Alcaldías polo Clima e Enerxía», incide o rexedor.
Preto dun 15 % máis de solicitudes para o programa «Mañanceiro»
O Concello de Cambre pechou esta semana o prazo de solicitude do programa de conciliación Mañanceiro. Nesta edición, esta institución recibiu máis de 400 solicitudes por parte das familias do municipio, o que supón preto dun 15 % máis que no curso anterior. Os residentes do municipio poderán formalizar a súa inscrición ao longo de todo o curso, sempre que haxa prazas dispoñibles.