Laura Delgado, Premio Artesanía de Galicia: «Abrín este taller como última oportunidade que me dei a min mesma»

D. Vázquez CAMBRE / LA VOZ

CAMBRE

Laura Delgado, cun dos vasos da colección «O mundo do revés. Coctelería Peliqueira» coa que gañou o Premio Artesanía de Galicia 2022
Laura Delgado, cun dos vasos da colección «O mundo do revés. Coctelería Peliqueira» coa que gañou o Premio Artesanía de Galicia 2022 CESAR QUIAN

Dende o seu obradoiro en Cambre ideou as pezas de coctelería peliqueira

14 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

No escaparate do obradoiro de Laura Delgado (A Coruña, 1976) en Cambre pódese ver o galardón do Premio Artesanía de Galicia 2022 que lle entregaron o luns pola colección O mundo do revés. Coctelería peliqueira, uns vasos que parecen esculturas.

—Como chegou ao mundo da cerámica?

—Era unha pésima estudante e acabei na escola Pablo Picasso. Alí foi todo moi doado. Entrei no taller de cerámica e, de repente, era todo moi sinxelo.

—Como foi o periplo profesional?

—Na Picasso fixen escultura, despois comecei cerámica artística, a metade de ciclo marchei a Italia a facer restauración cerámica, volvín para rematar e centreime en reprodución de cerámicas castrexas. Traballei en Cuntis e despois montei a miña propia empresa no 2009, Xabre cerámica, xa en Cambre. A crise do 2011 o primeiro que levou por diante foi a cultura e quedeime sen traballo.

—Pero rexurdiu.

—Foi moi triste pechar, unha decepción enorme. Pasei anos empregada do que fora, pero seguía no taller cambiando liñas de traballo e en decembro do 2015 montei o actual. Abrín aquí como última oportunidade que me dei a min mesma. Estiven estudando ata os 27, dei moitas voltas polo mundo, sempre estudando cerámica. Pechar o anterior foi un pau e pensei que, se non ía, reconvertería a miña vida. Non sabes como vai funcionar, era unha cousa arriscada, pero funcionou. Iso si, funcionou a base de traballo.

—E ben...

—Agora moi, moi ben, teño traballo a dor, e entendo que a partir de agora máis aínda.

—Está centrada en restauración, como chegou aí?

—Sobre todo a través de Artesanía de Galicia, que fan showcoockings con cociñeiros e levan pezas de artesáns. O primeiro restaurante que tiven foi A Tafona, de Lucía Freitas, e a partir de aí pouco a pouco... Na Coruña teño bastantes restaurantes e a sorte de que repitan ano tras ano. Teño peza utilitaria, pero si que está enfocada é restauración. Todo o tempo fago pratos.... Agora tamén traballo con máis xente, estou con A-emotional Light, que fan lámpadas, fago prototipos para Zara Home... Por iso ando agora con moita carga de traballo.

—Mellor non?

—Hai quen pensa que isto é relaxado, pero paso moito tempo ao teléfono e todo o mundo quere todo para xa. Nunca pensei que isto fose tan estresante.

—Entendo que a empresa?

—Si, o traballo funciona moi ben, pero iso conleva un lote de estrés e de carga emocional, porque as pezas levan algo do que tes dentro, e ao final cando saturas, falo emocionalmente. Isto non é unha queixa, estou contentísima.

CESAR QUIAN

—Como escolleu o proxecto para o premio?

—Normalmente presento cousas que non teñen que ver co meu traballo diario, pero esta vez está no medio, son pezas bastante escultóricas, pero produto puro e duro. Son vasos de cóctel e moitos dos restaurantes cos que traballo teñen coctelería. A primeira vez presentei un mural de azulexos 3D, a segunda foi un cilindro como puzzle.

—E a terceira, a vencida.

—Si, foi bastante ben. O deseño non foi difícil, pero houbo que darlle moitas voltas, levamos un ano con este traballo, houbo un previo moi longo e implica a colaboración dun montón de xente. O xusto é citar aos colaboradores: o escultor Pablo Ardao, a cesteira Agnes Baldomá, Jose Manuel Alvi, que fai serigrafía cerámica; o deseñador gráfico Diego Betancur e o fotógrafo Strephan Luthier.