Animan a xente a doar alimentos no momento da entrada
23 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O edificio social Toñito Espiñeira de Carral acolle, ata o 21 de xaneiro, a exposición Nós tamén fomos emigrantes, da colección Afundación. Esta exposición recolle unha escolma de imaxes dos arquivos da axencia Efe, que posúe un importante fondo fotográfico sobre a emigración galega e española. A mostra estará aberta de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Os días 24 e 30 de decembro permanecerá pechada.
Dende o Concello destacan que as persoas que visiten esta selección fotográfica poderán visualizar as circunstancias vitais das pasadas xeracións, que abandonaron a súa terra na procura dun futuro mellor.
Ademais, animan a doar alimentos no momento da entrada, un xesto solidario para axudar ás persoas que máis o necesitan. Esta iniciativa da Obra Social Abanca ofrece acceso a eventos culturais a cambio da contribución solidaria de alimentos non perecedoiros ou produtos de primeira necesidade.
A mostra que agora chega a Carral englóbase dentro da Corrente Cultural, a aposta de Abanca e Afundación para espallar cultura por toda Galicia. O proxecto nace coma un contedor de arte que vai rotando polos concellos, contando coas colaboración municipais.