Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Os antecesores do Allóns

XOSÉ PUMAR GÁNDARA CARBALLO

A CORUÑA CIUDAD

CASAL

O Vir do que fala Ptolomeo na súa descripción xeográfica podería corresponderse co río bergantiñán Podemos agora engadir ó xa dito neste mesmo diario que o mapa de Galicia de Domingo Fontán pon Allones como nome do río bergantiñán. E o mapa da arquidiócese, que parece dependente daquel, tamén pon Allones. Quen teña aquela xoia cartográfica poderá ver que o nome da capital bergantiñá é Baños de Carballo. Pola nosa parte temos lido o topónimo «In Balneis Brigantinis», que vén sendo o antecesor latino. Aínda que temos dúbidas, pois ben poidera ser que o topónimo latino fora reconstrucción da aportación de Fontán. Polo tanto, así como hai Baños de Cuntis, Aquas Cálidas, Aquas Flavias, Carballo tiña un topónimo desa raigaña. Por aí terán que pescudar os que aseguran que esta vila ten xa 2.000 anos de historia, comezando coa romanización.

15 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Volvendo a Allóns. Xa temos dito que o topónimo era In Alliones, tal como figura no ano 1189 en documentación do rei Alfonso IX. Querendo afondar, teríamos que seguir a luz que nos dan o latino alius ou o grego al-lós, que significan outro. Polo tanto, os alliones serían xente allea que ven establecerse en terras próximas á desembocadura do río. Iso é o frecuente, que os ríos leven o nome da terra onde nacen ou onde desaugan. Aportamos a coincidencia, por se dera algunha luz, de que P. Mela, na súa Chorographia (II, 93), dá fe da existencia dunha colonia grega, no sur de España, coñecida como Allone. Lendo detidamente a Pondal, na súa obra Os Eoas atopamos Allónides e Allóns no canto I, estrofa 16ª. Segundo Murguía e Carballo Calero, Os Eoas é a primeira obra de Pondal. Polo tanto, a conversión en Anllóns é cousa de Queixumes dos pinos. Poderíamos preguntarnos, pois, cal sería o nome propio do río Allóns, se o tiña na antigüidade. Estrabón, Mela e Plinio nada din que se refira ó río bergantiñán. Agora ben, Ptolomeo (gran xeógrafo), fala da «desembocadura do río Vir». Esta alusión é interpretada por Müller como referida ó Allóns, mentres que Monteagudo di que o aludido é o río Mero. Apostamos por Vir como o nome antigo do noso Allóns. Basta con ler a descrición xeográfica que fai Ptolomeo: «Despois do Promontorio Nerion hai outro promontorio no que están as Aras Sestianas, (outro) promontorio, desembocadura do río Vir, un promontorio próximo». Este último, coidamos, sería o monte Neme ou o monte Branco, e o anterior sería o monte dos penedos de Traba. A continuación, sigue Ptolomeo describindo a ribeiramar da nosa Galicia, e pon: «Flavia Brigancio, Promontorio Lapata Coru, desembocadura do río Meáru (así, en grego), desembocadura do río Nabia...». Parécenos que a identificación do río Mearu co río Mero (na Coruña) ou co río Mera (máis aló de Cedeira), non ten por que facernos dubidar da identificación Vir-Allóns.