José Luis Rodríguez: «Facemos unha pasarela de traxes tradicionais galegos»

La Voz

A CORUÑA CIUDAD

cedida

O Colón recibe mañá unha proposta que reivindica a riqueza e variedade da antiga vestimenta, con 700 pezas

20 abr 2018 . Actualizado a las 10:14 h.

José Luis Rodríguez (Bueu, 1964), xunto a David Quiñones, impulsaron a Asociación Etnográfica Sete Espadelas, que trae mañá ao Colón (20.30 horas e entrada de balde) un espectáculo de reivindicación da riqueza e variedade do traxe tradicional.

-Cal é a proposta de «Sete varas, un refaixo»?

-Realmente é unha pasarela de traxes tradicionais galegos, xa houbo en 2017 outra organizada pola Deputación de Pontevedra. Esta é máis grande, porque daquela foran 44 traxes, pero aquí van 55. Da nosa colección con 90, escollemos unha serie de traxes para que haxa distintas tipoloxías, dende o de gala, de cotío, e de todas as zonas de Galicia.

-Orixinais e reproducións?

-Todos son reproducións fieis doutros. Baseámonos en pezas mestras que ten o Museo do Pobo, ou temos recollidas, sacamos os patróns e reprodúcese o traxe cos mesmos materiais e panos, se son de Béjar (Salamanca), como se traían hai 50 anos, e se son estameñas ou baetas as traemos de Burgos, onde seguen abatando e tecendo en teares orixinais... As veces tamén son reproducións de traxes fotografados, que aparecen en gravados ou en pinturas dos séculos XVIII e XIX, e ademais nesta pasarela levamos seis traxes antigos, o máis antigo é de 1840. Estes traxes non poden nin saír a rúa pola luz nin recibir moito movemento porque os tecidos están moi abertos.

-Non fan as telas?

-Intentamos recuperar o liño. En Galicia era o que había e exportábase a todo o mundo porque eramos os mellores produtores e de máis calidade, agora non hai, pero nós plantamos o ano pasado unha finca con liño e compramos un tear antigo en Guitiriz e restaurámolo para facer distintas pezas. Para o ano que ven queremos facer un espectáculo con iso.

-Hai un rexurdir do traxe tradicional?

-Agora coas novas tecnoloxías estamos todos en contacto e é máis fácil recuperar cousas que estaban esquecidas. Por exemplo, na pasarela de Pontevedra unha señora ensinounos un traxe completo que tiña da súa tataravoa. Moito do que quedou foron os traxes de garda, os que se sacaban para unha voda ou o día da festa do patrón.

-Canto se perdeu?

-Como galegos perdemos moito, por diversas circunstancias, pola necesidade económica, que fixo que a xente desfixera os traxes para aproveitar os tecidos e seguir vestíndose co que tiñan máis a man, e perdéronse moitas pezas boas, e tamén pola desidia das persoas que non valoran o que teñen ou non saben o valor que ten. Tiráronse moitas cousas ao lixo, os que se picaban consideraban que ían vellos e tamén moitas pezas se estragaron co entroido. O que se gardou neste anos, foi o menos. Hai outra xente que fixo malos arranxos.

-Que herdamos?

-Cando estivo a Sección Feminina o que fixo foi uniformar todo e por iso parece que todas as saias eran vermellas e tiñan unha raias de veludo, pero fomos descubrindo que nas arcas gardábanse mandís de mostra ou un dengue, que foron conservando. Aínda que pouco, porque en Galicia, entre os microorganismos e a humidade, o téxtil noso non dura demasiado no tempo.

-De onde parte Sete Espadelas?

-A asociación xurdiu de dúas coleccións particulares e despois achegouse máis xente. A asociación dedícase a reproducir traxes, sen ter que ver coa música ou o baile. Nós cosémolos, bordámolos, practicamente todo a man. Para nós é un traballo inxente e unha paixón. Non temos ánimo de lucro e nin tan sequera temos cotas, o que facemos é obradoiros para ensinar a facer roupa. As veces vannos cedendo pezas para que as copiemos ou cédennolas.

-O seu traballo é divulgativo?

-Porque nos divirte, nos entretén e querémolo ensinar. Montar unha pasarela de 55 traxes é un traballo inxente, temos organizadas 700 pezas para o Colón, e iso é moita roupa, máis a xoiaría para as mulleres.

-Cal é a peza de maior valor?

-Neste espectáculo sacamos un traxe antigo de Leiro (Ourense), verase o orixinal e a reprodución, e só o dengue debe ter 400 horas de traballo. Para nós o valor son as horas que leva, non porque sexa mellor peza ca outra, nin moito menos. Hai traxes de muller que teñen 44.000 cristais bordados.

-Teñen exposición permanente en Pontevedra?

-Non. Fixemos exposicións porque reproducimos os traxes que estaban pintados no Museo de Pontevedra dos séculos XVIII e XIX. Aí había traxes de Castromaior, de Carlos Sobrino, de Castelao, e houbo 10.000 visitas. Como consecuencia diso seguimos traballando e fixemos unha exclusiva dos traxes pintados por Castelao, que se presentou no Teatro Principal de Pontevedra hai dous anos. Tamén facemos exposicións pequenas. Despois da pasarela de Pontevedra, a Deputación da Coruña facilitounos as cousas para promovela. O noso interese sería levalo a outras provincias, para que non sexa un esforzo para a xente aprender algo disto, queremos tratar de achegalo.