Pequena e divertida historia da Coruña

A CORUÑA CIUDAD

Alfeiran

Xosé Alfeirán resume dous mil anos de acontecementos «nun feixe de episodios seleccionados» que ilustra Xosé Tomás

10 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No xardín de San Carlos sir John Moore non está só. «Con el hai dúas mulleres. Unha foi enterrada en 1830 preto do seu monumento: é Diana Bartlett, a muller do cónsul inglés da Coruña. Outra é lady Hester Stanhope, a súa namorada. A lenda di que todos os aniversarios da súa morte aparece o seu espíritu vagando polo xardín». Isto conta o historiador Xosé Alfeirán no seu novo libro Pequena historia da Coruña (Edicións Embora). «Palabras e imaxes conforman historias. Esa é a intención deste pequeno-gran libro dedicado a historiar un lugar singular en Galicia: o que ocupa hoxe a cidade da Coruña», explica.

As imaxes son de Xosé Tomás que ilustra dun xeito divertido como se lambían pensando na festa os ártabros que levaban as ánforas do viño cara ao seu castro. Cen anos antes da nosa era nos castros de Pastoriza, Elviña, Castrillón e Suviña (en Oleiros cerca do Seixo Branco) «ademais de viño, beben auga e zythos, unha especie de cervexa», conta Alfeirán. Faltaban dous mil anos para que chegaran novas iniciativas, dous milenios de acontecementos «sintetizados nun feixe de episodios seleccionados».

Alfeirán mestura con habelencia «os trazos peculiares da historia coruñesa» coa vida cotiá dos coruñeses en diferentes épocas, contando pequenas intrahistorias como cando «os liberais coruñeses decidirán adoptar o libro da Constitución no escudo da Coruña. Estivo vixente desde 1836 ata 1936, ano no que o quitou a ditadura franquista».

Outro detalle do escudo que mudou foi que nun dos primeiros, do ano 1552, «debaixo da Torre está a cabeza coroada de Xerión. Nos escudos posteriores da Coruña a cabeza é substituída pola caveira» que vemos hoxe.

«Varios son os trazos peculiares da historia coruñesa», salienta Alfeirán, sendo o primeiro a súa xeografía: «Esta situación e esa baía, convertida en porto refuxio nas rutas comerciais atlánticas, fixeron que o mar se convertese na razón primixenia dos asentamentos humanos establecidos nela e o motivo do seu símbolo universal, a torre-faro». Por ese mar chegaron desde o comercio dos fenicios ata as invasións dos viquingos; tamén o emperador Carlos ou os que peregrinaban a Santiago: «Centos de peregrinos, procedentes dos diversos reinos do norte de Europa, concentrábanse nos portos ingleses agardando ventos propicios para ir a Compostela. Tiñan que coller o barco para ir a Croyne, nome que daban os ingleses ao porto da Coruña», escribe o historiador, que recolle o detallado relato escrito en 1456 [ano santo compostelán] polo peregrino inglés William Wey. Foi tamén por ese mar polo que saíron «os nenos que venceron a varíola».

Salienta Alfeirán «a especial relevancia, en diferentes épocas históricas, dos seus habitantes, das súas actitudes e ideas». E resume que A Coruña foi, polos seus veciños, «unha cidade portuaria romana, cidade de reguengo non sometida a ningún poder nobiliario ni eclesiástico nos séculos medievais, fortín e base de armadas no imperio dos Habsburgo, cidade ilustrada e mercantil no século XVIII, abandeirada da liberdade o do liberalismo constitucional a comezos do XX, e cidade administrativa e comercial no XXI. Por eles somos como somos».