Rilo Nieto, notario: «O 'ti vai facendo' é moi habitual en Galicia, o que hai é que documentar as intencións se se constrúe sobre alleo»
OLEIROS

Os notarios atópanse numerosos problemas nas herdanzas
11 jun 2022 . Actualizado a las 00:17 h.O problema dunha veciña de Iñás, en Oleiros, que recibiu orde de desafiuzamento da vivenda que construíu co seu marido en terreo do seu sogro que a súa morte herdou unha cuñada, convida a analizar como se terían que evitar este tipo de situacións. José María Rilo Nieto, notario en Ames, e integrante da directiva do Colegio Notarial de Galicia, estima que hai que deixar as transmisións suficientemente aclaradas.
—Cales son as casuísticas que se atopan nestes casos?
—O maior problema é non deixar ben documentadas as intencións e non ser suficientemente previsor. En Galicia é moi frecuente por tema de minifundismo que os pais, sendo propietarios, lle permitan aos fillos facer unha casa no seu terreo, pero despois atópanse con problemas. É complicado facer unha casa nun terreo que xuridicamente é alleo. Hai un principio de cesión, que recolle que o edificado é propiedade do dono do solar.
—Nese caso sempre se perdería o inmoble que queda no terreo que pasa a outras mans.
—O que existe se un fai unha edificación sobre un terreo alleo é un dereito de reembolso, de créditos e pode recuperarse o valor do investimento. Suponse que se fas unha construción nun terreo doutro, e estás tempo, é que o dono non se opón, pero iso non significa que transmita a propiedade. É moi habitual entre pai e fillos dicir que nun anaco de finca se permita facer outra casa, pero esa persoa pode casarse, se cadra fai a casa con cartos gananciais e iso é unha fonte de conflitos.
—E que posibles solucións hai?
—Deberíase ver se hai posibilidade de segregación urbanística ou se poden facer divisións horizontais tombadas, facendo unha transmisión a favor do fillo que fai a construción. Senón a xente atópase con que fan a casa e non se sabe despois os dereitos que lle quedan, e a día de hoxe só sería o dereito de reembolso. Por iso sempre é axeitado que haxa unha transmisión da propiedade.
—Atopan moitos casos deste tipo?
—Si, estiven tempo en áreas rurais e o «ti vai facendo» é moi habitual en Galicia, o de que permiten facer casas nunha esquina da finca dos pais, pero se cadra teñen outros herdeiros e pódense dar moitos problemas. As veces non se pode dividir a parcela ou na herdanza do terreo entran outros fillos.
—A que atribúe tantos casos?
—Moitas veces a que a tramitación dos concellos é farragosa, ao mellor non se queren asumir custes na transmisión e porque sempre se pensa que non haberá problemas.
