
Presentan «Chulísima» na súa maioría de idade sobre os escenarios
12 oct 2023 . Actualizado a las 16:41 h.A Casa da Cultura de Sada acolle o venres 13 de outubro, ás 18.30 horas e de balde, Chulísima. Un espectáculo no que Aldaolado garanten retranca, humor, poesía e música.
As poetas galegas Lucía Aldao e María Lado, tralo seu intento nunca ben ponderado de ensinar a correcta colocación do pronome átono coa peza Como eu te amo de Rocío Jurado (está en YouTube para quen o perdera) agora con este espectáculo soben o envite e propoñen «unha historia do galego como nunca cha contaron, moi rápido, moi claro e con bastante sentido do humor».
«Intentamos desmontar algún dos prexuízos que algunhas persoas usan como escusa para non dicir as súas primeiras frases en galego», advirten para quen queira achegarse a velas. «Non é unha palestra sobre a historia da lingua, nin unha análise científica sobre a súa situación actual. Nin sequera é un espectáculo didáctico. Pero seguro que descobres cousas. E se vendo Chulísima aprendes algo é porque es unha persoa intelixente e sensible. Daquela estás preparada para falar galego», din a modo de pique para captar adeptos.