Alba Penas: «Un operario cravou un ferro na femoral, fíxenlle un torniquete e premín ata que veu a ambulancia»

d. vÁZQUEZ SADA / LA VOZ

SADA

César Quian

Esta policía municipal de Sada salvou de desangrarse a un traballador do Concello que resultou ferido ao saltar un peche

15 jun 2024 . Actualizado a las 22:36 h.

Alba Penas Añón (A Coruña, 1993), policía local de Sada dende hai cinco anos, salvou este luns a un operario municipal nun accidente laboral grave.

—Como souberon do suceso?

—Na central entrou unha chamada do 112 de que unha persoa estábase desangrando, cravouse un ferro na femoral. Foi na avenida Sada y sus Contornos.

—Sabe como ocorreu?

—Era un operario do Concello que tiña que entrar no interior dunha parcela, na que fan mantemento, e cando saltaba un enreixado en forma de punta, cravouse o ferro na perna esquerda.

—Estaba só?

—Estaba con outro operario, que debeu ser o que chamou. Cando avisaron estabamos noutra zona de Sada e encanto recibimos a chamada xa deixamos o que estabamos facendo e fomos rápido. Saímos do vehículo correndo e xa fun botando a man ao torniquete que levo sempre comigo. O ferido estaba tendido no chan cun cinto posto na perna, pero non lle estaba apertando. Púxenlle o meu torniquete, premín ben e saqueille o cinto. Intentei localizar a ferida, puxen as luvas, porque tiña xa as mans con sangue, e o meu compañeiro tróuxome unhas gasas que temos no vehículo policial e estiven pulsando a ferida ata que veu a ambulancia.

—Chegou rápido?

—A ambulancia foi mandada dende A Coruña, xa que as de Betanzos e a de Sada debían estar ocupadas. Tiven que aguantar uns 40 minutos. Antes viñeron os médicos do PAC de Sada ata alí e puxéronlle a vía. Un cidadán tamén colaborou, estivo sosténdolle a cabeza.

—Que tal estaba?

—Moi mareado e doíalle moito o que era o torniquete, pero aguantou consciente en todo momento. Co soro metéronlle calmante e alivioulle un pouco, pero antes queixábase.

—E sabe como está?

—Ao día seguinte fomos a preguntar e dixéronnos que tivera máis de tres horas de intervención cirúrxica e que lle dixeron que tivera moita sorte. Agora xa está na casa. Tivéronlle que reconstruír a femoral, que estaba tocada.

—Tivera que asistir algún caso coma este?

—Nunca. Estando de prácticas, ao comezo de entrar na policía, tamén a nivel sanitario, tocoume intervir nun parto.

—E neste caso, como o tomou?

—No momento nin o pensas, queres axudar, salvar a vida a persoa. Ao día seguinte ao saber da operación que tivo e do que lle dixeron sénteste moi ben. É unha técnica que aprendín nun curso e iso demostra que a formación vale para algo. Ninguén leva un torniquete enriba, eu fágoo sempre. Pensas que non o vas usar nunca, pero ao final fixo falta. Non é material de dotación, pero considerei, no seu día, que podía facer falta tanto pola miña integridade física, como pola dos meus compañeiros, ou, como neste caso, para outra persoa.

—Traballou noutro concello?

—Só catro meses, como auxiliar de Policía Local en Bergondo.

—Sempre quixo ser axente local?

—Estudei unha FP superior de Informática, pero sempre tiven vocación de selo. Meu pai é policía local tamén, xubilouse este ano na Coruña.