«Aquí tamén se fala galego», a punto de facer historia na Coruña: «A organización dun festival dende un instituto é algo único»
VIVIR A CORUÑA
O instituto Rafael Dieste da Coruña celebra este venres un evento musical con Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira o Leria
06 jun 2024 . Actualizado a las 16:05 h.O festival «Aquí tamén se fala» é o resultado dunha aventura que comezou no instituto Rafael Dieste da Coruña e que levou o galego e o lema «Aquí tamén se fala galego» por toda Galicia e resto do mundo grazas a figuras como o actor Viggo Mortensen. Unha viaxe que ten un punto e seguido este venres, 7 de xuño, na praza da Tolerancia do barrio de Labañou. Dende as cinco da tarde e ata a madrugada, veciños e escolares poderán gozar de boa música en galego. Alberto Pombo (Loureda, 1985), doutor en Estudos Lingüísticos e Literarios e un dos impulsores do proxecto, explica como van os preparativos dunha cita histórica e o futuro da campaña.
—Por fin chega o día, como vos sentides?
—A organización dun festival profesional dende un instituto é algo único na Península e probablemente en Europa. Isto non é un concerto de fin de curso, é un evento aberto á cidadanía, pero que ten a particularidade de ser organizado por un instituto. Estamos con moito traballo, pero tamén con moita diversión e os rapaces están moi predispostos. Estarán facendo labores de produción. Hai moita intensidade, pero tamén moita felicidade.
—Onde se vai celebrar?
—Imos estar na praza da Tolerancia, a carón da facultade de Náutica, fronte ao Conservatorio. É unha praza que ten experiencia de festivais porque a asociación de veciños fai todos os anos a festa dos porcos, que se celebra o 8 de xuño, un día despois.
—Que entidades colaboraron na organización do festival?
—Isto sae do Instituto Rafael Dieste e fixemos contacto con todas as institucións, que colaboran a partes iguais: o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. E ademais contamos con financiamento privado, con outros patrocinadores como Deleite, Sacauntos e Puntogal.
—Recibiu o apoio do resto de centros que participaron na campaña?
—Aquí tamén se fala comezou no Rafael Dieste como unha campaña de dinamización da lingua, pero foi sumando apoios de douscentos centros de ensino de calquera nivel. Eses centros tamén viven coma seu este festival aínda que o organicemos dende o Rafael Dieste. De feito, están todos convidados á festa.
—Cal é o obxectivo do festival?
—Vai ser un festival monolingüe, para demostrar que hai unha sensibilidade na cidade respecto da lingua, que hai bandas traballando a un alto nivel e facendo festivais que son populares e do gusto da mocidade.
—Que futuro lle espera a «Aquí tamén se fala galego»?
—A nosa idea é manter esta identidade, aínda que xa non coa campaña dos carteis. De feito, iso xa se fixo, colocáronse máis de 50.000 carteis, pero non temos pensado seguir. Tamén fixemos contacto cos equipos deportivos máis importantes, como o Dépor, o Celta, o Lugo, o Racing ou o Obradoiro. E tamén comezamos a facer un traballo máis visible no terreo audiovisual. Estamos dándolle forma a unha campaña que anunciaremos en setembro, pero a idea é manter esa liña audiovisual cos rapaces cada vez máis activos.
—Os alumnos do centro están falando máis galego?
—Están falando moitísimo máis galego. Os alumnos percibiron o galego como unha oportunidade. Por exemplo, o noso instituto ten máis dun 35 % de alumnado inmigrante, as súas familias moitas veces sempre lles teñen esa cousa de «háblales en castellano que son de fuera». A asunción do galego permítelles vivilo coma unha oportunidade de integración. Cada vez fálase máis galego no instituto. Se nos tivesemos que facer unha análise da campaña, podemos dicir que se fala máis galego. Ademais, os rapaces teñen menos estereotipos do galego, conseguimos crear un espazo de prestixio para a mocidade e que asocien un festival co galego.
—Teñen prevista algunha sorpresa?
—Temos unha primeira sorpresa, que é este venres. No concerto de Grande Amore anunciou que vai vir cunha sorpresa ao festival, pero non sabemos cal é. Logo, no caso dos vídeos, aínda temos algúns sen publicar, por exemplo, de Javier Olleros. Seguiremos traballando nesa liña, que non sempre é fácil, pero non queremos pechar esa porta dos referentes culturais.
—Cando comezaron esta viaxe imaxinaban este resultado?
—Cando fas algo deste tipo, sempre hai unha procura de que o traballo teña unha repercusión pública. E aínda que a campaña foi creada cunha idea de profesionalización, non deixamos de recibir sorpresas positivas. As respostas dos clubes deportivos, dos colexios, foron moi ilusionantes.