O optimismo dos dinosauros

Camilo Franco

CULTURA

04 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Practicar o optimismo como unha maneira de resignación non parece unha boa estratexia. Nin no cultural, nin no político. O optimismo infundado é desmobilizador porque non é máis que outra versión da esperanza. E esta virtude teologal non está baseada en ningún principio razoable.

En doses. O sector audiovisual pasou pola súa festa con certas doses de optimismo e outras doses medidas de reivindicación. Tamén con unanimidade a pesar de que 2008 foi, segundo se comentou, un ano de cantidade e variedade de películas, series, curtas, documentais. Pese a ser unha fornada completa os académicos decidiron concentrar o seu voto en Os mortos van á presa de maneira que o resultado final da noite quizais non fose xusto con tanta variedade e calidade como din que hai no sector en Galicia. E non quero aceptar ese principio tuneado de que os premios sempre son inxustos porque non sei que facemos nós facendo cousas inxustas.

Cando espertei a crise xa estaba aquí. Entre as reivindicacións unha incontestable e non me refiro ao galego. Non pode ser que, nin en Galicia nin entre galegos, un cambio de administración supoña un frenazo ao sector. Non é imaxinable nin aceptable para ningunha parte que as maquinarias ao servizo da sociedade se tomen estes respiros. E agora que o dinosauro xa se botou a nós menos que nunca.

A cultura é o primeiro que se perde. Esperanza Aguirre, que afortunadamente non é galega nin de Galicia, decidiu que cando veñen malos tempos é mellor facer desaparecer a Consejería de Cultura. É unha medida cosmética para contentar aos indiferentes porque os gastos dese departamento non dependente tanto do rango administrativo. Esta decisión galerista non agacha os últimos dispendios da comunidade madrileña. Cousas tan soadas como a inauguración dos Teatros del Canal ou a fichaxe de Boadella para dirixilos. Un Boadella que, quizais por falta de tempo, comezou a súa etapa programando á súa compañía, Els Joglars. Cando se decidiu este merengue o país xa estaba en crise pero en aquel momento a presidenta quizais non a tiña en conta.

Navalla crítica. Algún día tamén sería útil comezar a falar da crítica sen eufemismos. En serio. Como sucede ca lingua, hai poucos asuntos tan deixados levar polo maniqueísmo e por esa difícil distancia entre o particular e o colectivo. Porque cando falan en colectivo todo o mundo de dios, pero todos, aseguran que a crítica é unha necesidade e un luxo e que a crítica debe ser como ten que ser e dicir as cousas que ten que dicir. Pero cando descendemos ao particular todo cambia e imponse a dobre moral. Porque todo o mundo quere que lle digan a verdade ata que vai alguén e lla di.

Todo ou nada. Quero supoñer que a crítica é útil e que está no centro da maneira en que funciona unha sociedade civilizada no cultural e no político. Entendo que a crítica é a continuación da información por outros medios e que se aceptamos as críticas boas temos que aceptar as malas. Non pode ser que se critique unha crítica demasiado amable e logo desautorizar ao crítico por negativo. Non pode ser que se consista aos autores as súas excentricidades e que aos críticos se lles pida ortodoxia. Non se pode considerar que crítica é un xénero subordinado a outro superior. E isto é o que sucede. Tanto que hai críticos convencidos diso e que só pretenden que ninguén lles entre na parcela. Unha leiriña que aínda non sabemos ben se é de Galicia ou é galega. E vai ser todo ou será nada de nada.