Fala con paixón do que considera como un dos mellores escritores galegos -«Ningún autor ten o léxico de Aquilino Iglesias Alvariño», di sobre o autor do que se cumpre o centenario do seu nacemento-. Con motivo dos cen anos do autor de Nenias ou Cómaros verdes , o profesor da Universidade da Coruña e escritor Luciano Rodríguez Gómez vén de publicar O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesias Alvariño (Xerais, colección universitaria), un volume que podería cualificarse como unha biografía poética na que analiza a vida e os seis poemarios do autor nacido no concello de Abadín.
-¿Por que esta biografía?
-É un libro pequeno, pero absolutamente necesario neste centenario.
-¿Fíxase máis na súa poesía ou na súa vida?
-Era un latinista, formado no seminario de Mondoñedo; cambiando a orde do dito clásico, diría que é a historia dos días e os traballos. Os días, a súa vida, porque para entender a calquera autor é preciso situalo, entender que Aquilino empezou a súa formación nun medio rural, estivo en Lugo, Pontevedra, Vilagarcía e Santiago, onde escribiu moitas colaboracións en prensa. Tamén estivo durante tres lustros fronte ao mar de Arousa.
-Eses artigos periodísticos ¿están editados?
-É unha obra periodística moi importante que nunca foi editada. Escribía en La Noche un ou dous artigos por semana, entre 1946 e 1961, e son moi interesantes porque recollía as novidades editoriais, todo o que se publicaba entón.
-Eses artigos estaban escritos en castelán, ¿non?
-Si, escribía pouco en galego, só nos libros: ten seis en galego e un en castelán, Contra el ángel y la noche ; este está moi influenciado pola lectura de Rilke.
-¿Foi influído por outros escritores?
-El coñece o pensamento de Kierkegaad, coñece o mundo clásico e mantén correspondencia con Unamuno. Era un home que lía en francés e inglés. Hai obras súas, como Corazón ao vento, nas que se notan esas lecturas das vangardas. En Cómaros verdes están as pegadas de Federico García Lorca; esta obra reflicte a súa experiencia rural, con poemas moi ruralistas pero tamén moi universais, iso que dicía o portugués Miguel Torga do local é o universal sen fronteiras.
-Di que Iglesias Alvariño tiña o mellor dominio da linguaxe, ¿tamén dos autores actuais?
-Eu citaría dous ou tres nomes de hoxe, pero non máis. En Santiago había un local que lle chamaban O Estradense e alí ía falar coa xente que viña das aldeas e recoller o seu léxico; era coñecido como o señor das palabras. Tiña recollido material para facer un dicionario de galego.
-Salienta no libro que era un mestre nas nenias...
-A nenia era un canto de berce ou de morte, pero os seus finalmente son cantos fúnebres. Aparecen desde seu segundo libro e é un dos grandes. Co seu dominio do léxico parece que ten un contacto líquido, case carnal, coas palabras.
-¿Preocupáballe a morte?
-A pesar de ter sido seminarista, era totalmente agnóstico. Estaba obsesionado coa morte e o último libro que escribiu, Lanza de soedá, é unha constante meditación sobre a morte.