O Auditorio de Galicia celebra vinte anos de vida e intensa actividade

Concha Pino

CULTURA

Sede permanente da Real Filharmonía de Galicia, é o motor da Escola de Altos Estudos Musicais

30 oct 2009 . Actualizado a las 16:23 h.

O Auditorio de Galicia celebrou cun concerto especial e singular os seus vinte años de andadura. O centro, un organismo autónomo local que concentra a xestión cultural municipal dende hai case cinco años, botou a andar en outubro de 1989 para ser o foco de proxección cultural de Santiago e coa ambición de atraer a atención de toda a comunidade. A estrea protagonizouna Laxeiro, cunha retrospectiva da súa pintura, e mais un concerto da Orquesta Nacional de España que reuniu no palco ao ministro de Cultura, que naquel momento era Jorge Semprum; ao presidente da Xunta, á sazón González Laxe, e ao alcalde compostelán Xerardo Estevez, mentor do centro cultural e artífice do seu enclave, en parte do solar que ocupaban os históricos pavillóns do Burgo das Nacións. O nacemento deste contenedor cultural, obra dos arquitectos Julio Cano Lasso e Diego Cano Pintos, levaba aparellado o proxecto de creación dunha orquestra, a Real Filharmonía de Galicia e, a partir dela, a Escola de Altos Estudos Musicais, que foi realidade, no primeiro caso, en 1996, e que segue tendo a súa residencia permanente no Auditorio e un referente da súa temporada de abono.

Pola sala de concertos pasaron, entre outros, orquestras filharmónicas como as de Berlín, Israel e Chicago; os Cuarteto Melos, Les Arts Florisants, e directores como Claudio Abbado, Bernard Haintink, Carlo M.ª Giullini, John Elliot Gardiner, Sergiu Celebidache, Phillipe Herreweghe ou Lorin Maazel. Alfredo Krauss foi unha das voces que se escoitaron neste auditorio, como tamén as de Barbara Hendricks, Victoria de los Ángeles ou Teresa Berganza, e entre os relevantes solistas que tocaron figuran Gidon Kremer, Yehudi Menuhin, Andrei Sokolov, Mischa Maisky e Rostropovich.

A área de exposicións foi, dende que se estreou o que se deu en denominar o buque insignia da cultura en Compostela, un importante bastión. De Laxeiro a Seoane, pasando por Chillida e por grandiosas mostras de arte asiática ou africana, ademais de colectivas de arte contemporánea internacional e galega, como a que reuniu a renovadores da pintura como Eugenio Granell, Carlos Maside e Díaz Pardo, ou a dedicada ao proceso abstrato en Galicia, ou mesmo a antolóxica de Raimundo Patiño. O ciclo Sons da Diversidade ampliou o foco cara outras músicas. Por este programa pasaron Salif Keita, Bebo Valdés, Mariza e Cesária Évora, Lluis Llach, Luz Casal, Manecas Costas, Jeanne Birkin, mano Dibango e a propia Ute Lemper, entre unha longa lista de grandes intérpretes e creadores que lideran a través da súa música a mestizaxe cultural e, como reza o programa, a diversidade.