Unha nova biografía de Cunqueiro engade a súa voz e as súas fotografías

CULTURA

O proxecto está conformado por un libro e dous cedés, publicados pola editorial Ouvirmos

03 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A editorial Ouvirmos dedica o cuarto exemplar da súa colección de Fotobiografías Sonoras ao escritor Álvaro Cunqueiro. Trátase dunha obra que presenta dunha forma novidosa a vida e a obra literaria do mindoniense, a través de preto de duascentas páxinas, máis de cen fotografías do seu álbum persoal e dous cedés, que recollen a propia voz de Cunqueiro así como unha escolma dos seus poemas musicados. O traballo foi presentado onte no Verbum-Casa das Palabras, en Vigo, polo fillo do escritor, César Cunqueiro, e mais polos autores da fotobiografía, Rexina R. Vega e César Morán.

César Cunqueiro é o autor do texto de presentación, que introduce a escolma de máis de cen fotografías comentadas por Rexina R. Vega, profesora universitaria experta na obra de Cunqueiro. Acompañan ademais a obra dous cedés, un deles recolle a voz gravada de Cunqueiro en dous discursos e o outro presenta unha selección dos seus poemas musicados, comentados por César Morán, quen ademais asina un artigo titulado A música en Cunqueiro .

A fotobiografía está estruturada arredor de oito etapas vitais, e son as palabras do propio Cunqueiro as que introducen e complementan as fotos familiares e os textos cos que Rexina R. Vega analiza cada unha desas etapas. «Eu agrupei a documentación fotográfica ao redor dos seus fitos vitais; tratei de captar o estado anímico de Cunqueiro, e como vive o seu tempo», sinalou a escritora e profesora de Lingua Española na Universidade de Vigo.

Dende a infancia no seu Mondoñedo natal, o seu achegamento ao mundo intelectual en Lugo e Santiago, ou o seu posicionamento ante o conflito fratricida, a publicación vai achegando as claves da vida do autor de Merlín e familia . ««Tento dar a imaxe dunha persoa que sofre unha travesía en solitario, que está nun lugar incómodo», engade Rexina R. Vega.

Bilingüismo asimétrico

As amizades catalás tamén teñen un apartado especial dentro da fotobiografía. Cunqueiro mantivo unha estreita relación con Cataluña, onde contaba con moitas amizades. Desde mediados dos 50 viaxa con asiduidade a Barcelona, onde participa en charlas e conferencias. De alí chegoulle sempre recoñecemento e afecto, xunto ao Premio Nadal e ao Premio da Crítica Española. Un Cunqueiro co editor Vergés, con Néstor Luján, con Josep Pla ou paseando polas Ramblas son algunhas das imaxes que ilustran esta etapa. Rexina R. Vega lembra que Cunqueiro tíñase por un «bilingüe asimétrico, que colocaba o galego por diante», cualificación que o situaba nun lugar incómodo e que o obriga a xustificarse continuamente.

As fotografías que achega esta nova biografía de Álvaro Cunqueiro son novidosas para a meirande parte do público porque proceden do arquivo do propio escritor. Son fotografías que percorren os setenta anos de vida dun dos escritores máis importantes da literatura galega de todos os tempos.