Os reponsables da entidade fixeron balance das actividades nas que investiron 223 millóns de euros
16 dic 2009 . Actualizado a las 02:06 h.A Fundación Caixa Galicia fixo onte balance dos seus vinte anos de funcionamento achegando as cifras do realizado e algunhas das liñas fundamentais que marcan a estratexia desta institución.
O balance de datos explicado onte por Teresa Porto e máis por José María García Iglesias sinala a esta fundación como a sétima máis valorada de España, segundo un estudo independente «por diante de fundacións doutras entidades como Telefónica ou BBVA». Para conseguir esta valoración, segundo explicaron os responsables da institución, é necesario manter unha actividade constante e diversa ata o punto de que esta fundación é «o primeiro axente cultural privado de Galicia».
Os datos facilitados pola propia Fundación Caixa Galicia sinalan un investimento de 223 millóns de euros nestes vinte anos de existencia, a realización de 25.000 actividades culturais de todos os xéneros para conseguir a participación de case 11,4 millóns de espectadores.
Tamén salientaron os responsables culturais de Caixa Galicia que a construción de 11 edificios culturais nas principais cidades de Galicia é outra das liñas fundamentais. Unha rede de once centros que logo será ampliada a trece coa entrada en funcionamento dos que están en construción agora mesmo.
Fundación en crecemento
Teresa Porto, directora da Fundación Caixa Galicia, sinalou así mesmo que o crecemento da institución e a ampliación da súa «estrutura converteron á fundación na institución cultural privada máis importante de Galicia». Para José Manuel García Iglesias, director de Acción Social de Caixa Galicia a aportación da fundación é «unha achega determinante da primeira caixa galega á cultura deste país nos últimos vinte anos».
Teresa Porto explicou tamén que este momento «é moi apropiado para para valorar o papel das caixas de aforros e de Caixa Galicia, da súa vertente benéfica e social, na sociedade e na cultura galegas».
Referido tamén ao debate sobre fusións de caixas e sobre a particular situación das dúas caixas galegas, José María García Iglesias sinalou que o «máis interesante está aínda por chegar, unha vez consolidada unha enorme rede de infraestruturas e liñas de investimento cultural que garanten o investimento cultural de Caixa Galicia para o futuro».
En canto aos acordos con outras institucións, os responsables culturais da fundación sinalaron que a ampla rede de infraestructuras culturais de que dispón na actualidade esta entidade ten estado aberta ao uso de entidades e colectivos. Entre as colaboracións conta tamén a organización do certame Photoespaña ou a colaboración coa Agadic (anteriormente Igaem) para a exhibición e produción de obras teatrais.
Por volta do ano 2000 houbo un cambio no traballo da fundación para incrementar as producións propias e aumentar o traballo de proxección da cultura galega no exterior.
Neste sentido apuntou Teresa Porto a restauración no ano 2004 do coro lígneo da catedral de Santiago, «a máis importante rehabilitación das levadas a cabo pola fundación» e tamén a produción da exposición sobre a obra da artista mexicana Frida Kahlo que concitou a atención de 120.000 visitantes chegados de Galicia e outros puntos de España. Na mesma liña sitúa a retrospectiva de Maruja Mallo.