Lêdo Ivo, Antonio Gamoneda, Francesc Parcerissas e Itxaro Borda gañan o premio Rosalía do PEN Clube

La Voz

CULTURA

13 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Por oitavo ano consecutivo, o PEN Clube de Galicia concedeu onte os premios Rosalía, cos que honra as literaturas veciñas da galega: a portuguesa, a castelá, a catalá e a vasca. Este galardón literario é o único de ámbito ibérico co que se premia toda unha traxectoria de servizo e engrandecemento dunha das literaturas nas linguas peninsulares.

Tras varias horas de deliberación, o xurado decidiu conceder o premio Rosalía en lingua portuguesa ao poeta e académico Lêdo Ivo, figura moi representativa da literatura brasileira. No apartado da literatura en lingua castelá, o premio foi para un poeta moi recoñecido e gran amigo da literatura galega, Antonio Gamoneda. O premio en lingua catalá foille concedido ao poeta, narrador e ensaísta Francesc Parcerissas. E, por último, o galardón na lingua vasca, levouno unha muller, a poeta e narradora Itxaro Borda.

O amplo xurado encargado de propoñer e nomear os catro gañadores da oitava edición reuniuse a primeira hora da tarde no restaurante Sexto de Santiago. Presidido polo presidente do PEN Clube, Luís González Tosar, e o seu secretario, Óscar Xabier Castro, o xurado estaba conformado por Gonzalo Navaza, Úrsula Heinze, Miguel Anxo Fernán Vello, Román Raña, Luciano Rodríguez, Manuel Outeiriño, Ramón Lorenzo, Anxo Angueira, Bieito Iglesias, Miro Villar e Carlos Mella.

Os catro escritores recibirán os seus premios nun acto solemne que terá lugar en Compostela, no salón nobre da Universidade, no mes de setembro, en data aínda por concretar.

Luís González Tosar adiantou tamén que este ano, ademais, a entidade que preside reunirá na capital galega a todos os representantes das literaturas iberoamericanas con motivo da celebración da cuarta asemblea da Fundación Iberoamericana do PEN Club. A literatura galega será, por tanto, a anfitrioa do mundo hispánico e o mundo da lusofonía na mesma semana na que se entregarán os premios Rosalía.

Ata esta oitava edición foron homenaxeados coa concesión do premio Rosalía destacados escritores de prestixio internacional como José Saramago, Isabel Allende, Ernesto Sábato, Torrente Ballester, Nélida Piñón, Vázquez Montalbán, Bernardo Atxaga, Pere Gimferrer ou Jon Kortazar, entre outros.