Darío Xohán Cabana, Manuel Rivas, Manuel González e Margarita Ledo glosarán a figura do autor de «Os eidos»
17 may 2010 . Actualizado a las 15:18 h.O acto oficial organizado pola Real Academia Galega para conmemorar o Día das Letras volve ao Courel. Académicos, escritores e autoridades están citados hoxe no municipio natal de Uxío Novoneyra para renderlle homenaxe ao poeta que mellor retratou esta parte das montañas orientais de Galicia. É a segunda vez desde o 2007 que esta conmemoración ten o seu centro no Courel.
O local multiusos preparado na antiga escola de Seoane fora o lugar elixido daquela para honrar a memoria de María Mariño, nacida en Noia no 1907 pero residente durante moitos anos e ata a súa morte en Parada, precisamente a aldea courelá na que Novoneyra nacera no 1930. Nese mesmo espazo da vella escola da aldea máis poboada do norte do Courel celebrará hoxe de novo a Real Academia Galega a súa sesión plenaria, extraordinaria e pública, correspondente a esta nova edición do Día das Letras.
A tradición manda que nos plenos do 17 de maio un grupo de académicos glosen a figura do autor homenaxeado. Esa responsabilidade correspóndelle esta vez aos escritores Manuel Rivas, Margarita Ledo Andión, Darío Xohán Cabana e Manuel González, que é o tesoureiro da Academia. Xosé Luís Méndez Ferrín falará despois deles, como presidente da entidade.
A sesión plenaria está convocada para as doce do mediodía. O segundo acto do día empezará unha hora e media máis tarde no único colexio que queda aberto no Courel, situado a uns poucos centos de metros de Seoane, xunto á antiga ferrería, rehabilitada hai anos pola Xunta, pero aínda pendente de abrir ao público, tal e como estaba previsto no proxecto inicial, debido a discrepancias entre os propietarios e a Administración sobre o remate das obras.
A única denominación oficial deste centro é Colexio Público de Seoane. A comunidade educativa do centro decidiu aproveitar a ocasión e darlle o nome de Poeta Uxío Novoneyra.
Pero na conmemoración oficial do Día das Letras no Courel figura tamén unha terceira convocatoria, esta organizada pola Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura. Trátase dun espectáculo que fusiona música, danza e poesía. Preséntao o grupo Tender a Man, do que forman parte a poeta Yolanda Castaño e Branca Novoneyra, a filla do autor de Parada. Empezará á unha da tarde, despois do plenario da Academia e antes do descubrimento da placa co novo nome oficial do colexio.
A elección de Uxío Novoneyra como autor a homenaxear este ano fixo que se multiplicasen na comarca de Quiroga e no resto da montaña luguesa os actos de recoñecemento a este poeta e á súa obra. O Concello do Courel, por exemplo, abriu o pasado día 2 unha ruta de sendeirismo que leva o nome de Novoneyra. Une a aula da natureza de moreda, ao pé da entrada á Devesa da Rogueira, coa aldea de Parada. Os seis quilómetros do percorrido, que aproveitan un camiño tradicional do monte Cido, están indicados con letreiros con fotografías e poemas nos que Novoneyra fala do Courel.