Redondela repasa os xéneros máis habituais no mundo dos títeres

C.?F. VIGO/LA VOZ.

CULTURA

O festival que comezou onte ampliou o número de funcións na rúa e reduciu as actuacións escolares

21 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A manipulación non remata nunca. Esa é unha das demostracións do Festival de Títeres de Redondela, que onte comezou coas súas funcións en sala e que ata o vindeiro domingo ofrecerá números de rúa e de interior cun exhaustivo repaso a todas as cousas que se poden facer manipulando para contar historias.

O recorte presupostario deixou este ano aos títeres de Redondela sen funcións escolares, pero cun volume crecente de funcións de rúa ata roldar as cincuenta, sumadas ás nove que terán lugar en interior. Un cartel que abarca dende as mans espidas ata as sombras chinesas sen, descontar os xeitos máis habituais no xénero dos bonecos.

Dende familias de artistas dedicados aos títeres, como Girovago e Rondella, cun espectáculo case circense, ata a compañía galega O Retrete de Dorian Grey, e a manipulación de globos, o abano que ofrece o Festival de Redondela marca algunhas das posibilidades do xénero, este ano con máis atención á variedade de espectáculos que se poden facer na rúa, incluídos aqueles de carácter máis diverso nos que aos monicreques se suman outros xéneros.

Pero non todos os títeres son bonecos e tamén unha mostra disto ten que ver coa compañía catalana Taaaat, que aproveita a manipulación de obxectos para recuperar vellas historias de animais.

Tamén se poderán ver sen deixar o catálogo do festival técnicas clásicas como os títeres de luva, como as aventuras de Don Cristóbal, da compañía francesa Pelele Marionettes.

Hai tamén quen mete unha variedade de técnicas nunha soa caixa e o mesmo leva títeres de corda como doutra clase, é o caso dos cataláns La Baldufa.

Esta última compañía é unha das que fan dobrete no festival, primeiro cunha montaxe de interior, Lea na granxa , e logo cun espectáculo para as rúas, Draco , no que tres personaxes que foxen da guerra arman unha escandalera mentres guían un dragón mecánico con pinta de coche retirado da circulación.

Tamén recupera esta edición do Festival de Redondela un clásico das técnicas de manipulación, as sombras chinesas -volvendo a contar no cartel coa artista arxentina Valeria Guglietti-, sombras das mans proxectadas para crear personaxes e ir contando unha historia na que os personaxes van tomando corpo diante dos espectadores.

Mundo rural brasileiro

Os títeres son tamén testemuñas de formas culturais menos relacionadas co presente. É o caso dos títeres de Jatoba, do Brasil, que aproveitan o inxenuísmo mamulengo para contar historias tradicionais ou que están baseadas nos costumes do mundo rural brasileiro. A técnica fundamental empregada aquí son as luvas, pero no espectáculo conta a maxia ou a ventriloquia e tamén a música.