Xosé Carlos Caneiro: «A literatura actual vive a procesión dos simulacros»
CULTURA
O autor de Verín presentou onte o seu novo libro, «Un último destino», co que pecha «todo o mundo novelesco anterior».
06 ago 2010 . Actualizado a las 21:54 h.Láiase Caneiro, sen abandonar o seu sorriso, das labazadas que ás veces recibe, desde determinados foros, polas súas opinións. O que ninguén pode negarlle ao escritor de Verín é a súa paixón pola literatura, a súa defensa da escrita de calidade, das boas historias, da forza da palabra, da Literatura, así, con maiúscula: «A palabra non só pretende reproducir a realidade, senón crear unha realidade nova. De aí o logocentrismo da miña obra, o seu coidado lingüístico». Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963) presentou onte na feira do libro da Coruña a súa nova novela, Un último destino (Galaxia), coa que pecha un ciclo: «É a última novela que vou escribir con estas características, con este estilo. Intentarei reinventarme no futuro».
-¿Por que este cambio?
-É un reto, pero as carreiras literarias dos escritores aos que admiro están feitas de retos: Cunqueiro cambiou moitas veces, o mesmo que Valle-Inclán. A miña literatura quere ser sempre unha homenaxe á literatura, un panexírico aos autores e ás obras que amo.
-Seguirá escribindo, ¿non?
-¡Por suposto! Nunca se me ocorrería deixalo, e menos convocar unha rolda de prensa para anuncialo. Esta novela está escrita para reafirmar uns principios estéticos que marcaron as miñas dez novelas, máis de cinco mil páxinas, desde Un xogo de apócrifos. A estilística desas novelas non é unha cuestión meramente técnica, senón que implica un modo de concibir a arte literaria; esta é unha cuestión que está estudada perfectamente nas máis de mil páxinas que a doutora Olivia Pena desenvolve na súa tese doutoral sobre o meu estilo.
-En «Un último destino» recupera espazos literarios e personaxes das súas novelas.
-Esta novela é unha meditación poética sobre a existencia. As miñas dez novelas son unha novela. Chamarémola novela fenomenolóxica: procuro sempre a esencia dos personaxes, a súa humanidade, non o mero relato das súas peripecias. A miña linguaxe fáustica non tería sentido noutro mundo literario. En Ámote ou Un xogo de apócrifos ou A vida nova de Madame Bovary ou Ébora está plenamente xustificado. Un último destino é a consumación de todo o mundo novelesco anterior.
-¿Que busca na literatura?
-Explorar a vida secreta dos sentimentos. Reliteraturizar a literatura. Iso é o que quería nos anos noventa e sigo a desexar agora. A literatura vive actualmente unha situación á que poderiamos aplicar un título de Jean Baudrillard: A procesión dos simulacros.
-¿Importa a calidade?
-A literatura actual non pide calidade, non se demanda. Unha función da literatura é divertir e a outra revelar; a revelación é algo necesario, pero agora o único que se esixe é a diversión. Se non existe esa revelación dá igual todo, ata meter un tiburón en formol e cobrar millóns de dólares por iso dicindo que é arte. Nas artes vivimos un proceso de simulacro, de certo cinismo.
-As súas novelas acadaron practicamente todos os premios da literatura galega.
-Si, e estou moi agradecido a todos os xurados que me deron eses premios, sempre baixo plica. A cara descuberta son o escritor galego menos premiado, só recibín o premio nacional da Crítica por Un xogo de apócrifos. Pero despois do Eixo Atlántico e o Blanco Amor por Ébora non tiven máis. A vida nova de Madame Bovary foi moi ben acollida polos lectores, e aínda se sigue vendendo; para min supuxo unha decepción que non fose recoñecida polo sistema literario galego, pareceume unha inxustiza.
-¿Foi por ignorancia?
-Hai un pecado maior que a ignorancia: non querer saír dela. Non se poden ler as miñas obras cos mesmos criterios que se le a literatura/ocio que o presente alimenta.